5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

A proposta do Museo MAN chegará a vindeira semana ao VI Congreso Internacional Científico-Profesional de Turismo Cultural de Córdoba, baixo a proposta ‘Museo MAN: Dinamizador turístico da Costa da Morte’, que será exposta por Andrea Serodio, responsable do Museo, e Carmen Hermo, da Universidade de Vigo, o xoves 20 de febreiro na mesa moderada por Rogelio Martínez.

Camariñas sempre contou entre as súas accións destinadas a estimular ao turismo con recursos vencellados estreitamente co mar, a pesca ou coas industrias de produtos marinos e artesanía tradicionais.

No 2015 inaugúrase o Museo MAN de Camelle, proxecto totalmente innovador que recolle nunha mesma proposta arte e natureza cunha formulación única e moi actual.

Na vila de Camelle atópase unha das obras máis auténticas vencelladas a movementos artísticos como land art ou arte outsider, que surxe na Península: a obra de Manfred Gnädinger. A súa obra converteuse en legado tras a súa morte, pouco despois da catástrofe do Prestige.

Agora, a proposta do Museo MAN será exposta en Córdoba, nunha mesa con participantes internacionais. En palabras de Andrea Serodio, responsable do Museo, ‘coa participación neste Congreso Internacional pretendemos visibilizar o traballo que facemos a nivel nacional e tamén internacional. Aparte do texto da ponencia, acompañarémolo cunha pequena peza audiovisual sobre Camariñas a nivel xeral, e todos os recursos turísticos que pode ofrecer a súa contorna’, destacaba a responsable do Museo.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.