O Museo Man de Camelle vén de ser aceptado como integrante da ‘European Outsider Art Asociation’, unha asociación europea de museos de arte marxinal que conta con 89 membros en total dos que unicamente 8 son exposicións españolas. No mes de outubro os responsables do Museo Man de Camelle presentaron a candidatura para que a obra de Manfred Gnädinger entrase a formar parte desta asociación co obxectivo de aumentar a difusión da colección do artista alemán afincado en Camariñas.

Só 8 museos de España forman parte desta entidade. En maio celebrarase un encontro en Estocolmo entre os integrantes da asociación.

Agora que xa é integrante activo da asociación o seguinte paso será participar no encontro anual que se celebrará en maio en Estocolmo e no que participarán os integrantes da asociación. Outra acción máis que permitirá dar a coñecer a obra de Man por todo o continente.

A responsable do Museo Man, Andrea Serodio, amosouse “moi contenta por comezar a formar parte dunha entidade apoiada polo Programa para a Cultura da Unión Europea” e tamén expresou a súa sorpresa “pola rapidez coa que nos comunicaron que aceptaban a nosa proposta de inclusión”.

Engadir un comentario