1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Despois de 15 anos os restos de Manfred Gnädinger, o lexendario alemán de Camelle, volverán á súa caseta museo do porto camellán para por fin descansar polo resto da eternidade. Así nolo comunicaron esta mañá dende a dirección do Museo Man de Camelle, onde o concelleiro camellán Juan Carlos Canosa está a desenvolver un traballo impresionante de catalogación e conservación de todo o legado do excepcional anacoreta de Camelle. Así, deste xeito, cumprirase o desexo vital do alemán de Camelle que, antes de morrer tráxicamente nas primeiras e penosas xornadas da marea negra do Prestige, deixaría escrito no seu testamento a súa vontade de que as súas cinzas fosen depositadas na propia caseta onde vivía Man e que coroaba o seu mítico museo no porto camellán. Un museo que foi a súa vida e a súa razón de ser neste mundo e por iso quixo deixar claro que ese sería o lugar onde os seus restos deberían descansar para sempre, porque a súa obra non só eran esas pedras e montículos, non só eran esas pinturas e obxectos, se non que o seu propio corpo e a súa mente formaban parte dese máxica obra maestra. Unha obra que a partires do próximo sábado 27 de xaneiro de 2018 exactamente ás 12:00 horas, no día do 82 cumpreanos, quedará finalmente completada co depósito das cinzas de Man nunha furna aos pes da súa caseta tal e como era o seu desexo. Camarinas.eu alí estará para render homenaxe a Man, o alemán que transformaría para sempre a idiosincrasia de Camelle e as súas xentes.
Diego Alonso visita a tumba do Manfred Gnädinger no Cemiterio de Camelle
Diego Alonso visita a tumba do Manfred Gnädinger no Cemiterio de Camelle

Engadir un comentario