1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Data histórica para Camelle a deste luns 23 de outubro na que foi rubricado o esperado contrato para a recuperación da caseta de Man de Camelle. A modesta instalación que foi fogar, estudo, museo e laboratorio de todo o mundo máxico de Manfred Gnädinger será rehabilitado gracias á colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas.

O orzamento da obra ascende a 24.990 euros, dos que a Deputación aporta o 80% dos fondos e concello o resto. Dos aforros que Man deixou e que foron herdados polo Estado parece ser que nada se sabe.

Este proxecto, redactado polo prestixioso despacho de Creus&Carrasco, ten por obxectivo, segundo os propios autores, conservar o legado de Man, cargado dun simbolismo amplamente coñecido na Costa da Morte e no resto do mundo como consecuencia da catástrofe medioambiental do Prestige. As obras pretenden recuperar a que foi a casa do artista e convertelo inmoble nun novo referente do patrimonio cultural do concello e da provincia de A Coruña.

As tarefas irán dende a limpeza do terreo e de fendas, así como o selado de gretas, ata a reparación do forxado da cuberta, pintado da superficie do teito, a composición de madeira apoiada nos muros de ladrillo e nos piares, a reparación de toda a estrutura de formigón e a reposición e reparación de vidros, e das pinturas. A empresa adxudicataria das obras e CONSTRUCTORA E INGENIERÍA MESSI, SL

O próximo13 de novembro fará quince anos que o Prestige sementou de chapapote as costas de Galicia e anegou, baixo un manto escuro e fedellento, a obra e a vida de Man. Non é sen tempo que se lle comece a dar o recoñecemento que merece. Segundo o concelleiro Juan Carlos Canosa, “por acadar este tipo de logros merece a pena traballar porque Man é hoxe un símbolo para todos aqueles que viñeron ao rescate das nosas costas, e un faro cultural que situou a Camelle e Camariñas nos mapas do mundo”.

Engadir un comentario