1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O derradeiro fin de semana desenvolveuse en Camelle (Camariñas) o segundo Obradoiro MAN: Mar, Arte e Natureza. Estes encontros encádranse dentro do proxecto de posta en valor do porto pesqueiro de Camelle e na recuperación do legado artístico de Manfred Gnädinger, financiado con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira 3 Costa da Morte.

O encontro comezou o sábado 16 de maio pola mañá cunha charla na Casa do Alemán do escritor Francisco X. Fernández Naval. O poñente desenvolveu unha aproximación literaria e artística ao valor que, dende sempre, o home deu a eses materiais que o mar deixa na liña da marea, obxecto de atracción para os habitantes dos litorais oceánicos, ata o extremo de dar orixe a unha profesión, a de crebeiro, e de xerar unha serie de lendas e ritos relixiosos arredor das imaxes presuntamente traídas polas ondas. Hoxe, en tempo de reciclaxe, (Este dia coincidiu co Dia Mundial da Reciclaxe) a profesión de crebeiro, no sentido estrito, aínda é exercida por persoas que viven nas beiradas e que peitean os areais na procura de cabacos (grandes troncos), pacas de algodón ou caucho e outros obxectos e materiais susceptibles de seren reciclados. Porén, o número maior de buscadores son os artistas que traballan con estes elementos, naturais ou non, que conxugan o misterio da orixe, o azar do encontro, a curiosidade das formas. Particular mención merecen as referencias literarias, que identifican a creba co vivir do home, ese ir perdendo anacos de nós que fican arrombados nos areais da memoria ou do esquecemento.

Pola tarde traballouse na Praia de Lobeira preto de Arou. A descrición dalgunhas das intervencións consistiron entre outras:


1. A artista viguesa Isabel Alonso traballou en múltiples pezas entre as que destaca unha realizada con restos de madeiras e redes que trouxo o mar, así como outros restos de pequenos crustáceos, algas, bucinas e obxectos atopados na praias coas que pretendeu facer unha reflexión sobre o ciclo da vida e da morte dando unha segunda vida a estes obxectos inertes.

2. A pontevedresa Delia R. Vilavedra tamén traballou na praia de Lobeiras e como ela describe “ nesta peza empreguei as crebas da propia natureza. Baixo as ensinanzas de Man recollendo as pedras que a marea lle ofrecía para construír as súas magníficas esculturas, coloquei pequenas pedras redondeadas, pulidas polo mar, sobre un leito de chorimas para construír un camiño, unha “liña de maio” na beira. Camiño que durará só unha marea e coa subida volverá pertencer ao mar”.

3. Alejandra Sampedro e unha artista que vive en Vigo e que fai esculturas a partir de crebas. Trouxo como axudante a Rafael Vázquez e entre ambos fixeron numerosas pezas como o “Anemómetro” inspirado nun moderno espantallo de horticultor que exerce como pequeno faro en funcionamento. A artista explica así unha das súas obras “Me sorprendí con el hallazgo de dos vértebras y un exoesqueleto de estrellas de mar y a partir de ahí me sumergí en una dinámica de fotografiar encuentros y composiciones en posturas imposibles entusiasmada por el binomio resultante entre restos óseos de quienes ya murieron y la vida en plena efervescencia de las pulgas de mar”. Tamén compuxo un pequeno xoguete infantil en forma de poliño.

4. A artista e poeta Soledad Pite realizou un caderno debuxado a acuarela onde as crebas serven de elemento para pintar as mesmas acuarelas. Aproveitando os seus coñecementos de gravado utilizou as crebas como prancha para imprimir. A peza ía acompañada dun poema.

5. Jorge Valenciano, artista ourensán de nacemento pero noiés de adopción,traballa coa fotografía. Gran pensador, ten sentido panteísta e identificase coa natureza. Unha das súas pezas foi “Tragamares”. Ademais compuxo un poema.

6. Marga Santiago e unha artista recentemente afincada en Brión. Traballa coa acuarela. Para ela, a imaxe é unha fusión entre unha acuarela e a fotografía dunha ordenación de crebas. Trata de achegarse ao mundo das crebas diminutas, observando a súa beleza. Pasa moito tempo escolléndoas con coidado. Crea unha composición ordenando os pequenos obxectos por semellanza e con fines estéticos. Observa con pracer as pequenas crebas por separado, concluíndo que non é necesario manipulalas para extraer a súa beleza. Tamén compuxo poemas.

7. CristinaFerrándezéunhadasmáisdestacadasartistadaPenínsulaIbéricano traballo coa Natureza. O seu traballo partiu das palabras que Francisco X. Fernández Naval, lle adicou na firma do seu libro "As Crebas" para Cristina Ferrández, "...os obxetos que o mar nos trae dende o mundo da luz e da sombra" , o que primeiramente inspirou á artista no seu deambular pola paisaxe a tarde do sábado. Como regalo do océano, uns osos brancos de seres mariños iluminaron a busca da creba. Como restos dunha vida xa extinta, viñan dese mundo das sombras, máis como pezas do descoñecido traídas á beira do mar, brillaban con luz propia, á espera de volver a tomar novas formas, a formar parte doutra vida.

8. David Herguedas traballa conxuntamente con Cristina Ferrández. O seu traballo ten un compoñente mais fotográfico e audiovisual. Traballou cunha creba que era unha tea branca grande que se foi esfiañando polo vento que facía. O seu traballo ten moita relación de captar o imperceptible: o vento interactuando sobre as crebas. Realizou varios vídeos onde se pode apreciar esta acción do vento coas teas parecendo bandeiras.

9. Marta Calvo, a máis nova artista do grupo, creou unha obra chamada “posto crebeiro”, observatorio de chegada de crebas a praia.

10. Mar Tajes e Marta Caamaño, artistas de Camelle, traballaron xuntas realizando varios traballos entre o que destaca un precioso cadro cheo de crebantes.

11. Carmen Hermo e unha pontevedresa que leva máis de dez anos organizando e traballando nos encontros de Arte e Natureza que se fan en Galicia. Traballa nestes derradeiros tempos utilizando “Pan de ouro” para así sacralizar os obxectos que atopa nas praias, e converter as crebas en pequenos tesouros dourados.

12.Antón Sobral é o coordinador deste encontro e xunto con Carmen Hermo organizador de moitos encontros de arte e natureza na Galiza. O seu traballo consistiu en atopar unha pequena pedra de .Nesa pedra como referencia Antón fixo un casting de pedras e atopou unha que pintou de azul. E colocouna nesta pedra de abalar. Tamén converteu un pequeno charco nun min océano en homenaxe as mulleres-sereas de ollos azuis que tinxen o mar con esta cor.

Foron mais os artistas que traballaron pero esta é unha péquena descrición dun traballo colectivo onde partillou concienzudamente e se experimentou dentro dun espírito lúdico de compartir coñecementos e experiencia distintas de artistas que teñen en común o amor pola natureza e a admiración por un artista que fixo de Camelle o seu fogar.

O encontro rematou cunha posta en común das distintas imaxes das obras realizadas.

As actividades do proxecto MAN: Mar, Arte e Natureza continuaran no mes de xuño coa apertura da exposición permanente do Museo de Man en Camelle e o curso “Man como produto turístico” que terá lugar na Casa do Alemán de Camelle o 6 de xuño. Este curso e gratuíto e contará cun máximo de trinta participantes que poderán inscribirse a través do número de teléfono 677464164 ou cun correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Engadir un comentario