1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Este fin de semana desenvolveuse en Camelle (Camariñas) o primeiro Obradoiro MAN: Mar, Arte e Natureza. Estes encontros encádranse dentro do proxecto de posta en valor do porto pesqueiro de Camelle e na recuperación do legado artístico de Manfred Gnädinger, financiado con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira 3 Costa da Morte.

O Encontro comezou pola mañá cunha charla interactiva do catedrático de escultura Juan Fernando de Laiglesia na Casa do Alemán cos asistentes. A charla coloquio foi teórico-practica sobre os conceptos de pintar, construír, pensar, fotografar, escribir, compoñer, ensamblar, escoitar, percorrer, coser, expoñer, rir, debuxar, falar, nadar, tecer, mirar, cheirar, modelar, ordenar, descubrir, pois partiu o conferenciante dunha serie de elementos físicos, os obxectos que suxerían aos asistentes diversas sensacións e reflexións sobre a creatividade e sobre ese principio esencial da obra de MAN DE CAMELLE que son os obxectos atopados e a súa conversión en obxectos artísticos.

Pola tarde traballouse na Praia de Lobeira preto de Arou. Realizáronse tamén en outros espazos no camiño desta praia outras intervencións.

A descrición dalgunhas das intervencións consistiron entre outras:


1. A coruñesa Maria Piensos traballou coa memoria. Trouxo fotos de cando era mais cativa e visitou a Man. E realizou unha obra utilizando os procesos creativos propios de Man.

2. Creación dun “ovo dourado” de Carmen Hermo artista pontevedresa realizado sobre unha pedra (sempre lembrando a Man que utilizaba a pedra como columna angular da súa creación no seu Museo). O material utilizado foi o “pan de ouro”. Hai nesta peza un intento de “sacralizar” a pedra, compoñente esencia da paisaxe.

3. Outra obra se chama “Os gardiáns de Man” realizada pola artista viguesa Eva Romero onde fixo un percorrido polas pedras. Man camiñaba tódolos días polos seus itinerarios persoais atopando crebas. Esta artista traballou fotografando buscando rostros nas pedras. E un traballo de recoñecer formas nas rochas dándolle unha identidade. Namorouse do que ollaba. Rostros que convértense en gardiáns de Man.

4. TresartistasdeCamelleMarina,MareMartatraballaronatopandocrebasque integraron cun sentido simbólico. Nun recipiente que contiña auga de mar engadiron diversos materiais cun sentido neorrománico.

5. O escultor coruñés Enrique Tenreiro traballou con bolsas de lixo de cor laranxa (a cor das bollas de mar). Con trinta bolsas fixo na Praia de Arou unha frecha que ten un senso sinaléctico en dirección este que coincide coa situación xeográfica do Museo de Man.

6. O lugués Nilo que traballa co paso do tempo realizou varias obras onde trataba de representar a entropía utilizando a pintura sobre obxectos atopados conseguindo xogando coa sutileza do mimetismo..

7. As santiaguesas Marga Santiago e Perla Alonso traballaron conxuntamente utilizando xestas que están en flor na primavera con intensas cores marelas facendo estruturas cun sentido circular de nido. Ademais de pintar acuarelas.

8. O marinense Antón Sobral realizou oito lenzos dun tamaño minúsculo onde tratou de captar o horizonte. O horizonte é algo que nunca alcanzamos aínda que nos acheguemos cara él. Cando mais no achegamos mais lonxe está.

Foron mais os artistas que traballaron pero esta é unha péquena descrición dun traballo colectivo onde partillou concienzudamente e se experimentou dentro dun espírito lúdico de compartir coñecementos e experiencia distintas de artistas que teñen en común o amor pola natureza e a admiración por un artista que fixo de Camelle o seu fogar.

O encontro rematou cunha posta en común das distintas imaxes das obras realizadas. Os Obradoiros MAN: Mar, Arte e Natureza continuaran o vindeiro fin de semana co encontro “Arte e natureza: as crebas” dirixido por Francisco X. Fernández Naval e coordinado por Antón Sobral. O encontro comezará o sábado 16 de maio as 11:00 h no Museo de Man (Casa do Alemán, Camelle) e rematarán o domingo 17 pola mañá coa posta en común dos traballos realizados. Estes obradoiros son gratuítos e contarán cun máximo de vinte persoas que poderán inscribirse a través do número de teléfono 629818199 ou correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

CURRICULUM DOS DIRECTORES DOS OBRADOIROS


JUAN FERNANDO DE LAIGLESIA

Formado no Instituto de Humanidades Clásicas de Lima (Perú) e na Facultade de Filosofía de Milán, é Licenciado en Belas Artes e Doutor en Filosofía pola Universidade Complutense de Madrid. Foi profesor na mesma desde 1975 de Estética e Historia da Arte. Desde 1991 é Catedrático de Escultura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da que foi o primeiro Decano e logo Vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo. Ha impartido desde 1983 programas de doutorado en cinco universidades españolas, defendéndose vinte e oito tese doutorais baixo a súa dirección. Os seus escritos sobre teoría e práctica da arte desde 1975, están recollidos en tres libros “Teoría bruta da forma fráxil” (1998), “Máquina para debuxar metáforas” (2003) e “A desaparición do fetiche entre outras cousas” (2008). Dirixiu ou participado en varios proxectos de investigación financiados en convocatorias competitivas.

Formado nos talleres da fundición Eduardo Capa e a Escola de Belas Artes de Madrid, a súa obra artística expúxose nunhas corenta exposicións entre individuais e colectivas a partir de 1975 combinando sempre diferentes formatos e linguaxes. Desde os retratos dos anos 70 e os tres tipos de figuración - épicas, simbólicas e gráficas- vai derivando cara á exploración dos obxectos. A súa actividade artística actual percorre desde as instalacións interactivas (“canis absconditus”, sala X. 2007 Pontevedra), as propostas de prototipos simbólicos experimentais (“Telescopio transparente”, sala Erdel, 2009. Regensburg), pintura ao óleo sobre carteis de cine ou construcións con materiais atopados.

Francisco X. Fernández Naval.

Francisco X. Fernández Naval (Ourense,1956), poeta e narrador. Premio Cidade de Ourense de poesía en 1980 e en 2007 polos libros A fonte abagañada e Miño, respectivamente; premio Xerais de novela en 1988 pola obra O bosque das antas; premio de poesía Fiz Vergara Vilariño 2010 por Bater de sombras e Premio Irmandade do libro, ó mellor libro galego publicado no ano 2012, pola novela A noite branca. Autor dunha ampla obra en galego, que inclúe poesía, novela, relatos, literatura infanto-xuvenil, de viaxes, guións e teatro. Algunhas das súas obras traducíronse a outras linguas, entre elas o castelán, francés, éuscaro, catalán, árabe e ruso.

Como ensaísta publicou en 2014 o libro As crebas, outro xeito de andar ao mar, así como dous libros que analizan a relación do escritor Julio Cortázar con Galicia: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar (Linteo-2006), publicado en castelán pola editorial Corregidor de Bos Aires, e O soño galego de Julio Cortázar (Linteo, 2014), premio Ánxel Casal, concedido pola Asociación Galega de Editores, ao mellor libro de non ficción do ano 2014.



Engadir un comentario