1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Don Eulogio e Pichurri, sempre presentes na procesión que honra á virxen de  Camelle

Dentro do proceso imparable de descomposición interna que dende hai máis de sete meses (exactamente dende o 10 de xaneiro de 2012) ven sufrindo a agrupación local do PP foi interesante constatar os feitos acaecidos na Procesión do Carme de Camelle o pasado sábado 4 de agosto. No que sempre foi o gran graneiro histórico de votos para os populares no Concello de Camariñas, a única parroquia na que un sólido triunfo electoral estaba sempre máis ou menos asegurado, non foron quen de enviar nin un só dos seus representantes aos actos institucionais dun dos días máis sinalados do calendario festivo camellán. Por non estar non estaba nin a súa concelleira actual pola parroquia máis septentrional do concello.

Unhas ausencias significativas que só poden explicarse no marco do citado proceso de ruina interna ao que as desventuras empresariais privadas do seu número 1 no concello deron inicio. Un sálvese quien pueda no que uns e outros están ocupados en tomar posicións para o día despois. Un presidente do PP local, amortizado políticamente, que sabe que o seu futuro político non irá máis alá duns meses ou incluso días (como viría a recoñecer en conversación privada recentemente na terraza do Bar do Casino cun directivo do CNC), e que xa non se esforza o máis mínimo nestes os seus últimos días en agradecer todo o apoio recibido durante anos en Camelle, preferindo dedicar o seu abundante tempo libre ao sector da hostelería e a tratar de vender ao mellor postor o timo de que o seu sucesor o sinalará el cun dedazo histórico (un xogo no que actualmente está a executar ata tres partidas simultáneas, con actores diversos cas súas correspondentes promesas imposibles e no que nembargantes a decisión final corresponderá única e exclusivamente a Dirección Provincial).

Unhas ausencias en Camelle (antes en Camariñas) que tal vez se deban á paralización entre os cargos do PP debida aos ataques do seu sector ultra: baste lembrar que cando ante o abandono institucional masivo por parte dos seus compañeiros tiña que ser a concelleira por Buría Ana Méndez a que se fixera cargo moi dignamente da representación do seu partido na Festa do Carmen de Camariñas, recibía a cambio unha catarata de insultos desproporcionados e ataques salvaxes por parte do sector fanatizado e ultradereitista das súas propias filas, grupo moi reducido pero asemesmo moi alborotador, no que exerce como inquisidor xeral aquel demagogo orondo e paquidérmico que vía con esta presencia institucional como quedaba momentáneamente fóra do xogo na sucesión do actual líder popular. Así, foi interesante comprobar novamente a ausencia en Camelle dun militante que durante os derradeiros seis meses ven entrando e saíndo a discreción da secretaría xeral do seu partido en función da súa contribución mediática no espinoso e finalmente tan problemático asunto do Club Náutico, a proba máis evidente das implicacións e intervención política no proceso de golpe de estado na que foi a institución náutica senlleira na Costa da Morte. Reconvertido novamente o medio por el dirixido en boletín oficial dos golpistas náuticos, a súa ausencia en Camelle non pode senón interpretarse como un importante erro táctico.

Con todo e deixando de lado patéticas implicacións políticas que a ninguén lle importan salvo aos nelas concernidos, o relevante da Festa do Carmen de Camelle foron os seus actos e as boas xentes que neles participaron. Así, nun sábado chuvioso poucos veciños acompañaban á baixada da Virxen dende a Igrexa ao muelle: os membros da Danza de Arcos, o Cura Don Eulogio, o Alcalde Pichurri, o Patrón Maior e pouquiñas persoas máis a maiores desta menguada representación institucional. Debido a choiva a misa foi na lonxa que estaba agora sí a reventar de fieis camelláns. En verdade foi unha auténtica pena as condicións metereolóxicas protagonizadas pola chuvia (igual, todo foi que a oposición municipal non quería mollarse) que desluciron a misa e a impresionante alfombra floral que había no muelle e na que as mulleres de Camelle puxeran tanto traballo e ilusión. Ao final da misa, Chita de Regueira cantaba unha bonita canción a Virxen do Carmen e aos mariñeiros que provocaba a emoción dos presentes. Tiña despois lugar a procesión marítima na que o Nuevo Furuno foi o encargado de transportar polos mares a Virxe, sendo como na edición precedente capitaneado por Carlos de Barca.

En todo caso, mentras o apoio e confianza política de máis dunha década duns veciños nuns representantes por eles elexidos eran ninguneados e despreciados de forma lamentable, non moi lonxe, en Camariñas, unha xauría desquiciada andaba enfangada en tratar de despedazar os restos aínda insepultos daquel que fora o seu líder durante a que será lembrada como unha penosa travesía do deserto.

Engadir un comentario