5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (4 Votes)

Este martes 11 de xuño a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, mantivo un encontro co director de obra e o contratista que deron o visto bo definitivo para autorizar o comezo inminente das obras de reurbanización da rúa Río do Prado, en Camariñas. O Concello de Camariñas continúa a súa aposta pola seguridade viaria e a mellora dos equipamentos no municipio. Así, na rúa Río do Prado levarase a cabo unha actuación valorada en 206.236,08 euros, financiados a través do Plan Único da Deputación, co obxectivo de reurbanizar un tramo desta vía a través da construción de beirarrúas, a pavimentación e a dotación de saneamento e recollida de pluviais.

Construiranse as beirarrúas, instalarase o saneamento e pavimentarase a zona afectada.

A rede de saneamento de pluviais irá soterrada baixo as novas beirarrúas que se construirán en ambas marxes da estrada e coas que, xunto coa pavimentación, se pretende mellorar as condicións de seguridade e funcionalidade do tramo da rúa Río do Prado, que actualmente presenta un grado de deterioro que impide o seu uso normal tanto para os peóns como para vehículos. Sandra Insua amosouse satisfeita polo inminente comezo dunhas obras “moi demandas polos veciños e veciñas” e que “responden ás necesidades do día a día e ao compromiso do Concello de mellorar a seguridade viaria e os equipamentos en todas as parroquias do municipio”.

Engadir un comentario