Dende a Asociación Cívica, Cultural, Deportiva e Recreativa “Virxe do Carme” de Camariñas envíannos o cartel da Virxe do Monte de Camariñas 2019 acompañado este dunha detallada nota de prensa anunciando a primeira cita festeira da vila das palilleiras. Trátase esta celebración camariñana que se perde no tempo unha das romaría máis importantes desta comarca na que nesta edición do ano 2019 os integrantes da comisión organizaron un cartel cheo de actos tradicionais. Dende o sábado día 20 ata o luns 22 de abril, día grande da Virxe do Monte, estarán comprendidos os festexos preparados para esta nosa virxiña á que tanta devoción se lle ten en toda Camariñas. Pero mellor que nolo conten polo miúdo os integrantes desta laboriosa comisión de festas que está a desenrolar un intenso traballo para a organización das nosas festas.

Presentación do cartel da Virxe do Monte de Camariñas 2019


A Asociación Cívica, Cultural, Deportiva e Recreativa “Virxe do Carme” de Camariñas ven de presentar o cartel das festas da Virxe do Monte. Esta festividade celébrase na capela “do Monte”, como tódolos camariñáns lle chaman ao monte Farelo, promontorio que garda a ría de Camariñas polo norte e serve de guía e referencia para a embocadura das embarcacións que buscan o abrigo do porto da “Pombiña do Vilán”, poético nome con que López Abente definiu á Vila de Camariñas.

Aínda que a Virxe do Carme é a patroa dos mariñeiros, en Camariñas, e ate principios do século XX, a santa de referencia dos homes do mar sempre foi a Virxe do Monte. Incluso hoxe segue a ocupar un posto importantísimo no panteón mariñeiro dos camariñáns que a teñen incorporado á súa música tradicional e ao seu acervo cultural.

Celébrase tódolos anos o luns de pascua nunha romeiría na que se traslada a imaxe da virxe dende a capela do Carme ate a ermida da Virxe do Monte, nun percorrido de preto de dous quilómetros. Dende a porta da pequena capela, situada no cume do Monte Farelo, domínase unha das paisaxes mais espectaculares da Costa da Morte, co faro Vilán polo Norte e Touriñán polo sur. En frente, o Santuario da Barca e a vila de Muxía que gardan a entrada sur da ría. Cara o interior, as augas tranquilas dunha ría que, en días despexados, asemella unha lagoa na que se espellan piñeiros e cultivos.

Este ano as festas comezarán o sábado día 20 e rematarán o luns 22, día da Virxe do Monte, cunha programación moi diversa que pretende chegar a tódolos veciños de Camariñas e aos visitantes que acudan a Mostra do Encaixe.

cartel virxe do monte camarinas 2019
Cartel da Virxe do Monte 2019 de Camariñas

Engadir un comentario