Aquí en Camarinas.eu xa levávamos moito tempo sen lembrar todas as tropelías das que o noble pobo de Camariñas foi obxecto por parte de Portos de Galicia, e a verdade é que xa temos perdida a conta de tanta humillación. En realidade poderíamos crear unha sección aparte para elo, ou xa postos se podería confeccionar toda unha páxina web; un repositorio de todos e cada un dos enganos, desprecios e humillacións que dende xa hai anos este ente público dependente da Xunta de Galicia, ten perpetrados contra as xentes deste concello. Dende que un tal Álvarez-Campana se postulara como o maior farsante da historia de Camariñas non se vira tal sarta de mentiras arroxadas a toda unha alcaldesa dun humilde concello da Costa da Morte. O caso é que o novo protagonista desta outra afrenta ao milenario pobo de Camariñas non foi outro que o noso querido amigo JJ Durán. Unha persoaxe que sempre nos pareceu simpatica e dicharacheira pero que, sempre que ten oportunidade, infrinxe un castigo desproporcionado aos nosos veciños da Costa da Morte. Xa se sabe, para os sectarios primará sempre antes de todo a cor política que a seguridade dos seus conveciños.

Nota de prensa dende o PSdeG de Camariñas: Portos de Galicia volve a despreciar a Camariñas e á Costa da Morte


Camariñas volve a ser tratada como territorio de segunda pola Xunta de Galicia e deixada da man de deus en materia de seguridade por Portos de Galicia.

Nunha reunión mantida hai unhas semanas na sede de Portos de Galicia entre membros do Concello de Camariñas e os responsables de Portos de Galicia, a Alcaldesa Sandra Ínsua reclamou para a Vila das Palilleiras que Portos considerara rematar dunha vez a terceira fase do borde portuario de Camariñas para concluir deste xeito a tan necesaria fachada marítima. Hai que recordar que nesta zona provócase un “cuello de botella” entre carretera, aceras e borde portuario no que se pon en perigo a seguridade vial dos cidadáns. A taxante resposta de José Juan Durán Hermida foi exactamente que “esas obras non eran prioritarias para Portos de Galicia”.

Con sorpresa vimos de comprobar como a conselleira de Mar Rosa Quintana publicaba na súa conta de facebook (adxuntamos captura de pantalla) que o consello da Xunta de Galicia acababa de autorizar o pasado mércores 5 de decembro, un megaproxecto de “remodelación do bordo portuario” en Porto do Son cunha inversión total de 4 millóns de euros. Recalca Rosa Quintana nesta nota pública que “Portos de Galicia finalizou o proxecto técnico desta actuación e licitará a obra despois de firmar o convenio de colaboración co Concello de Porto do Son”.

Dende o PSdeG de Camariñas preguntámonos como é posible que o Presidente de Portos desprece a todo un pobo que vive de cara ao mar como Camariñas negándolle o remate dunhas obras que poñen en serio risco a seguridade dos veciños da nosa vila argumentando que non son prioritarias e, sen embargo, autorízanse obras multimillonarias en outras vilas con “edificio de usos náuticos” incluído.

O PSdeG de Camariñas non está en contra de que Portos de Galicia realice megainversións noutras zonas costeiras. Ao contrario, creemos necesaria a evolución positiva de todos os portos con estas necesarias inversións. O que non toleraremos é que dende a Xunta de Galicia se menosprece a Camariñas e se xogue coa seguridade dos veciños co argumento de que “estas obras non son prioritarias para Portos de Galicia”

Por todo isto os socialistas de Camariñas convocarán unha reunión urxente da súa executiva para determinar as accións a levar a cabo dende o partido para esixirlle a Portos de Galicia a inmediata posta en marcha das obras da 3ª Fase do Paseo Marítimo de Camariñas que evite males maiores.

Engadir un comentario