Segue o incesante goteo de decesos que está a asolar á vila das Palilleiras e nunca mellor dito. Na tarde deste luns 24 de decembro, día de noiteboa de 2018, a redacción desta web recibía aflixida,  da man da alcaldesa Sandra Ínsua, a triste noticiado falecemento dunha das palilleiras máis emblemáticas de todo o Concello de Camariñas. Dona Virtudes Rodríguez Soneira, presidenta da Asociación de Palilleiras Rendas de Camariñas e cariñosamente coñecida en todo o municipio polo sobrenome de "A Porfica", falecía nestas datas tan sinaladas no Hospital Comarcal de Cee aos seus 76 anos de idade. O corpo sen vida de Dona Virtudes está sendo velado no Tanatorio Municipal Irmáns Fernández Espín de Camariñas, dende onde sairá cara a Igrexa Parroquial de San Xurxo ás 15:45 da tarde deste triste mércores 26 de decembro. Xa no sagrado templo camariñán será celebrado o funeral de corpo presente pola alma da Porfica para, acto seguido, ser celebrado o seu sepelio onde os restos mortais desta gran muller terán merecido descanso eterno.

Vaise deste xeito unha das figuras clave para entender o actual estado de conservación do arte milenario de Camariñas. Unha persoa adicada en corpo e alma ao que foi a súa gran pasión: o Encaixe de Camariñas. A imaxe desta gran muller, orixinaria de Xaviña e casada en Buría, baixando diariamente polo Areal coa súa almohada para atender o local que a Asocación Rendas rexenta na plaia de Camariñas será inesquecible para todos os camariñáns.

As vindeiras edicións da súa querida Mostra do Encaixe de Camariñas xa non serán o mesmo sen a presencia física da que foi unha das súas grandes valedoras, por iso dende aquí creemos que será menester ir pensando en homenaxear dende a organización da Mostra a esta gran muller, palilleira mítica que adicou gran parte da súa vida ao resurximento do principal selo identitario de Camariñas. Dona Virtudes merece todo eso e máis.

Dende esta redacción queremos expresar as nosas máis sinceiras condolencias a toda a familia e amigos de Dona Virtudes Rodríguez Soneira. Descanse en Paz.

Engadir un comentario