Volta a golpear a traxedia á comunidade camariñana emigrada en Londres (UK) e desta volta temos que dar parte da triste noticia da defunción do noso querido amigo Don Ramón Pasantes Tajes aos seus 78 anos de idade. Dase a tráxica casualidade de que Don Ramón falecera no Reino Unido xusto unhas horas despois de que o fixera a súa dona e inseparable amiga Dona Carmen Ventoso Pasantes, unha terrible coincidencia que nos aflixe máis si cabe. O corpo sen vida deste estimado veciño da vila das Palilleiras está sendo velado no Tanatorio Municipal de Camariñas Irmáns Fernández Espín, dende onde sairá cara a Igrexa de San Xurxo ás 15:30 da tarde deste venres 7 de decembro de 2018. Xa alí, no sagrado templo camariñán, será celebrado o funeral de corpo presente pola alma de Don Ramón para, acto seguido, ser realizado o seu sepelio no Cemiterio Veciñal de Camariñas onde os restos mortais de Don Ramón terán merecido descanso eterno ao carón da súa esposa Dona Carmen. Dende esta redacción queremos expresar as nosas máis sinceiras condolencias a toda a familia e amigos de Don Ramón Pasantes Tajes nestes durísimos momentos que están a pasar. Descanse en Paz.

Engadir un comentario