- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Camariñas e Buría Camariñas e Buría
- Created: 26 Outubro 2018 26 Outubro 2018
O proxecto para a construción dunha senda peonil entre Area da Vila e a praia de Lingunde está a piques de ser unha realidade. Así llo confirmou onte o Xefe da Demarcación de Costas do Estado, Rafael Eimil, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e ao segundo tenente de alcalde, Juan Carlos Canosa, nunha reunión mantida na Coruña. Eimil confirmoulles aos representantes do goberno local de Camariñas que esta actuación, que servirá para continuar o paseo marítimo e unir a pé estes dous areais que actualmente están separados por un saínte, será licitada nos próximos meses.
A alcaldesa de Camariñas e o segundo tenente de alcalde mantiveron unha reunión co Xefe da Demarcación de Costas. Tamén se reuniron na Subdelegación de Goberno para a cesión da Casa do Mar.
Na reunión tamén se trataron outros temas de importancia para o municipio como a continuación e remate do Paseo Marítimo de Camariñas, a desafección dos terreos onde se sitúa o quiosco da música da praia de Camelle e a súa cesión ao Concello, a continuación do dique de pedra na praia de Arou desde a praia do Curro, a construción dunha senda entre Camariñas e Ponte do Porto e a axilización de varios expedientes pendentes de resolución.
Ademais, Insua e Canosa aproveitaron a viaxe para manter unha reunión na Subdelegación do Goberno, propiciada pola propia subdelegada, Pilar López-Rioboo e na que tamén estiveron presentes representantes da Dirección Provincial da Tesorería General de la Seguridad Social.
Neste caso tratouse de buscar un acordo para a cesión da Casa do Mar de Camelle ao Concello de Camariñas. Para isto puxéronse sobre a mesa varias opcións que o Concello e a Tesourería estudarán para chegar a un acordo satisfactorio para ambas partes.
