1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O vindeiro día 30 de decembro no foxo dos lobos nas praias de Reira (Camariñas) desenvolveremos unha recreación da batida do lobo neste tipo de trampas que se facían dende a Idade Media. Para elo, queremos contar coa participación de mulleres e rapaces que traian calquera trebello que faga ruído (tellos de potas, carracas) e un calzado axeitado, tipo botas, para camiñar polo monte. E tamén homes encargados de ir batendo no monte para levantar o lobo. Dende a praza do concello as 11:00 sairá un autobús para tódolos participantes.

FOXO DOS LOBOS COSTA DA MORTE


É un foxo de muros converxentes, en forma de V, cun altura superior os 2 metros. No vértice dos muros atopase un pozo cunha profundidade de 2 metros onde se precipitaba o animal.

Os muros acadaban unha lonxitude de ata un quilómetro, no caso do de Camariñas, o ser de pequenas dimensións, cando se realizaba a batida do lobo, incrementaban a lonxitude dos muros (neste caso o muro cara o monte xa que o outro remataba na liña da praia) coa xente collida das mans, creando un cordón humano na mesma liña do muro.

A BATIDA DO LOBO


Ínstase aos clérigos, soldados e campesiños a que persigan aos lobos os sábados, agás Pascua e Pentecostes e que preparen os precipicios que o vulgo chama foxos. Decreto ditado polo arcebispo Xelmírez, recollido na Historia Compostelana.

O monteiro maior era o que organizaba e dirixía a batida. Os veciños das aldeas circundantes eran convocados á batida por medio fogueiras colocadas estratexicamente nos outeiros (topónimos Alto da Vela e Monte da Vela no mapa) que circundaban a chaira ou groba, ou o sitio de paso dos lobos, onde se erguía o foxo. Dende o monte da vela o fume indicaba os paisanos de Brañas Verdes e Santa Mariña o inicio da batida, así mesmo dende o alto da Vela en Camariñas convocábase os veciños de Mourín e Buría. O topónimo Cova dos Lobos, indica lugares comúns ou habituais da existencia de guaridas de lobos. Lugar habitual para comezar a batida.

O monteiro maior, despois de reunida as xentes dos pobos, facía unha distribución do persoal. Un grupo disposto no foxo para prolongar as súas dimensións o ser o de Camariñas de pequenas dimensións non superando os 100 metros no seu muro maior, o outro o máis numeroso, o monteiro maior, dispoñíaos o longo do monte con paus, cos cales petaban na maleza existente, para provocar o levantamento e fuxida do animal, outros con aparellos de cociña (tapas de tarteiras ou elementos de ferro) provocaban ruído no seu bater entre ambos coa intención de espantar o animal. O importante na batida era non deixar ocos libres polo que o animal puidera fuxir. Levantado o animal íano pechando para que entrara no foxo. O pozo era tapado con xestas ou toxos para que non vira o burato existente.

Unha vez que caera na trampa, o non poder saír, rematábano a pedradas ou cun chuzo. O animal sen vida, era paseado polos pobos participantes en romaría, para que todo o mundo puidera contemplar a presa atrapada, ben portado cun pau polo medio entre dous homes, ou nun carro tirado por animais.

Engadir un comentario