- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Camariñas e Buría Camariñas e Buría
- Created: 15 Decembro 2017 15 Decembro 2017
O Grupo Parlamentario Socialista, a través da súa portavoz de pesca, a laxeira Loly Toja, fainos chegar unha nota de prensa que reproducimos literalmente en camarinas.eu. Esta nota, e a noticia en si mesma, merecen un pequeno comentario previo por parte desta redacción. Como cuestión previa destacar que algúns grupos políticos, aínda de ámbito galego, non teñen problemas en facernos chegar as súas notas de prensa. Outros prefiren “pasar” de nos. Seguramente porque non nos consideren importantes. Ala eles. Nos ao noso, que non é outra cousa que informar, dentro das nosas posibilidades, de todo aquelo que afecte a Camariñas.
A seguinte cuestión que hai que destacar é que a Xunta de Galicia, a tenor do que ten contestado á portavoz de pesca socialista no Parlamento de Galicia, ten renunciado a rentabilizar os cuantiosos recursos públicos investidos no minicriadoiro que todos podemos ver como os temporais destrozan no Muelle Novo. Millóns estragados sen xeito nin maneira e, mentres tanto, as mariscadoras vendo como a ría produce cada vez menos sen que iso preocupe pouco, ou nada, a quen ten a obriga política, legal e moral de solucionar estes problemas: a Consellería de Pesca. E o PP de Camariñas sigue ausente. Parece que o conto non vai con eles. E o goberno municipal non debería levar xa unha moción ao Pleno do Concello para que todos se posicionen sobre este auténtico escándalo?
Hai moitas formas de corrupción: deixar estragarse o criadeiro de ameixas de Camariñas é unha delas
O culebrón do minicriadoiro non é un asunto cativo. É a constatación dun xeito de corrupción que consiste en estragar cuantiosos recursos públicos coma quen tira puñados de billetes ao mar. Recursos públicos que choraremos no futuro porque, maioritariamente, proceden de fondos europeos aos que non teremos acceso en pouco tempo. Estes son os “eficientes” xestores que nos gobernan dende a Xunta de Galicia.
Aquí vai a nota de prensa emitida polo Grupo Parlamentario Socialista e a Proposición Non de Lei que se aprobou xa fai tempo e que a Xunta pasa polo forro do desprecio mais absoluto.
NOTA DE PRENSA DO PSDEG-PSOE DESDE O PARLAMENTO DE GALICIA
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, levou a situación do minicriadoiro de bivalvos de Camariñas á Comisión de Pesca. O goberno galego non foi quen de confirmar a continuidade do proxecto en resposta ás preguntas da deputada da Costa da Morte, que reclamou a recuperación dunha iniciativa que custou un millón de euros e que no seu momento foi pioneira. A responsable socialista lamentou o “esquecemento” tanto do proxecto como das instalacións físicas, que continúan “pechadas, en abandono, co teito levantado e con anacos voando cos temporais”.
A xunta elude confirmar a continuidade do criadoiro de bivalvos de Camariñas, que “logo de seis anos segue pechado e nun estado de ruina total”
Acusounos de “non ser quen de sacar adiante un proxecto que deixaron morrer por cuestións burocráticas” logo de constatar que, “en contra do seu compromiso, distribuíron as súas funcións entre o Igafa e o criadoiro de O Vicedo”. Criticou que o goberno galego teña decidido “tirar os recursos públicos” investidos nun proxecto de 1,3 millóns de euros ao tempo que “perderon tamén o intanxible do traballo e a implicación do sector na utilización de técnicas de reprodución e engorde analizadas nas instalacións”.
Incumprimento coa cidadanía de Camariñas
Loli Toja denunciou que o goberno galego incumprira de paso a iniciativa aprobada na Cámara autonómica en 2014 na que urxía a recuperar as instalacións do minicriadoiro”, daquela xa danadas polos temporais, co obxecto de “devolvelas ao seu estado orixinal e que poidan cumprir coa finalidade para a que foron construídas”. Lamentou que, por todo isto, “a realidade é que, mentres o minicriadoiro morre entre a indiferenza colectiva, Galicia segue importando semente de bivalvos doutros países”, coa que “importamos tamén enfermidades que antes non tiñamos para as nosas rías, e o marisqueo adoece e morre”.
Loli Toja lamenta o “abandono” dunha iniciativa “no seu momento pioneira” que “deixaron morrer por cuestións burocráticas e por mera incompetencia”
Reclamoulle ao goberno galego que presente “un cronograma real para recuperar o minicriadoiro” e, no caso de que, como parece, non quixeran darlle “ningún tipo de continuidade” coñecer “que pensan facer coas instalacións e que farán para resolver o problema de seguridade que supón o seu estado lamentable”.