5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (2 Votes)
O mítico pavillón polideportivo do Areal en Camariñas vai ver mellorada a súa vella pista dun xeito espectacular coa consecución dunhas impotantes obras acometidas polo Concello de Camariñas. Cunha subvención da Deputación Provincial da Coruña véñense de adxudicar as obras á empresa GALITEC, especializada neste tipo de traballos. O orzamento da obra é de 100.739 euros e o técnico redactor do proxecto é Victor Hermo.

Os traballos consisten en deixar a pista actual completamente plana, acabando cos desniveis que viña acusando nos últimos tempos, usando para iso unha maquinaria capaz de conseguir unha planitude total mediante tecnoloxía láser. Sobre ela aplicarase un pavimento deportivo de 10mm de espesor que cumpre así con todas as normativas internacionais. Iso significa que no pavillón do Areal poderán celebrarse competicións das máximas categorías mundiais co que, quen sabe, igual dentro duns meses poderemos ver unha competición europea en Camariñas.

As obras de reforma do pavillón polideportivo dotarán a Camariñas dunha pista realizada nun material de última tecnoloxía de calidade excepcional única en Galicia. As obras foron executadas polo Concello de Camariñas e subvencionadas pola Deputación da Coruña

O prazo de execución é de un mes, así que en breve tódolos futuros campións de todos os deportes que enchen as instalación do Areal poderán disfrutar dunhas instalacións deseñadas para estar ao seu nivel.

En camariñas.eu non queremos imaxinarnos ata onde poderán chegar os nosos rapaces, cunhas instalacións coma a que se acaba de adxudicar, cando foron capaces de acadar fitos deportivos impensables na modesta pista de formigón pulido actual. A xogar chavales!

Engadir un comentario