1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Despois de tantos sepelios, tantos funerais, tantos enterros, de tanto consuelo ofrecido a tantos seres sumidos na dor máis profunda, agora a Don Jesús tocaralle estar presente naquel que nunca poderá oficiar... Finalmente cumpríronse os peores presaxios respecto á noticia que adiantaba este pasado mércores en exclusiva Camarinas.eu e Don Jesús Nieto Baneira, lexendario, querido e idolatrado páter camariñán durante o derradeiro cuarto de século falecía o xoves 1 de decembro de 2016 no antigamente chamado Hospital Juan Canalejo da Coruña. Todo comenzaba no centro hospitalario de Cee o propio mércores cando nunha visita por mor de ver os resultados dunha recente proba médica sufría un repentino ataque ao corazón. Foi de inmediato trasladado ata o hospital herculino onde os médicos pouco puderon facer para revertir a fatal situación. Segundo fontes ás que tivo acceso esta redacción, na orixe do ataque puido estar o caso omiso que Don Jesús fixera das recomendacións médicas que lle pedían alonxarse por un tempo dun ritmo trepidante de traballo que o levaba a asumir sobre os seus hombros misas en tres parroquias diferentes. Así era Don Jesús: prefería estar axudando aos seus feligreses de Camariñas, Ponte do Porto e Camelle que mirando por si mesmo. En estas circunstancias, cando un pobo se atopa ante un personalidade de semellante calado, desas chamadas a pervivir durante décadas no imaxinario colectivo e que co seu sacrificio e desinterese persoal melloran ata niveis difícilmente alcanzables a vida de tanta xente, resulta normal (e obrigada) a decisión do Concello de Camariñas de poñer ata catro autobuses a disposición dos veciños que desexan dar a Don Jesús o derradeiro adeus na súa parroquia natal de Cuns, en Coristanco, onde terá lugar o seu enterro ás 11:30 deste sábado 3 de decembro. Sairán dende o Curbeiro (Camariñas), Centro Médico da Ponte do Porto e o Paseo Marítimo de Camelle. En verdade as boas accións deberían ser recompensadas, máis nestas épocas un tanto complicadas e rídiculas, e por elo resulta cáseque unha obriga moral que todo un concello rinda a debida homenaxe a este bo cristiano, gran católico e mellor persoa. Don Jesús Nieto Baneira, Cura Párroco de Camariñas durante máis de 25 anos, Descanse En Paz.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.