1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Foise Molina, o derradeiro cowboy de Camariñas

O cliente asiduo do Café Bar Arnela que co seu sempiterno sombreiro de cowboy evocaba na memoria a imaxe do pontevedrés John Balan, o gran home orquesta do far-west americano, o coleccionista presumible récord guinnes que alá xa por setembro de 2008 levaba coleccionadas máis de 12 millóns de etiquetas de tabaco, posiblemente o maior fardo da historia, ou o talentoso actor vocacional, intérprete serio e contido dun programa da Televisión de Galicia. Todas estas facetas e moitas máis fóronse definitivamente para sempre na madrugada deste luns 29 de abril de 2013 co falecemento do noso querido amigo José López Vázquez, aquel que todo Camariñas coñecía agarimosa e popularmente como "Molina".

Eran sobre ás cinco da madrugada cando chegaban ao seu fin as andanzas deste camariñán, trotamundos de toda unha vida, pródiga en experiencias e acontecementos de todo tipo, uns gratificantes, outros por desgracia non tanto, marcados polo signo da traxedia. Primeiro alá en 1952 na histórica vila de Betanzos cando á idade de 12 anos entraba a traballar como criado, despois cas longas tempadas embarcado na Marina Mercante, os anos de duro traballo en Suiza e o retorno á Camariñas da súa alma para trafegar no mar. E en case todo este periplo vital, sempre baixo a compañía do sombreiro de cowboy que proxectou unha imaxe icónica da Vila das Palilleiras, recoñecible na Camariñas de sobremesa e Paseo Marítimo. "Ten máis de 60 anos, posto que xa pertencera ao meu pai", declaraba orgulloso Molina, naqueles tempos en que Camarinas.eu lle adicaba unha noticia como protagonista dun posible record Guinnes ou ao requerir os seus servizos para rodar un programa de televisión nas pedras do Cemiterio dos Ingleses. E el accedía gustoso, preparado para dar renda solta á gracia, ao talento e á amabilidade que sempre o caracterizaron.

Faleceu Molina aos seus 72 anos pero para o recordo quedará aquela noticia dos 12 millóns de etiquetas de tabaco cuidadosamente gardadas nunha caixa de zapatos ou a súa maxistral interpretación televisiva dun pescador camariñán, destinatario final dunha mensaxe nunha botella. Precisamente a mensaxe que quere transmitir a redacción de Camarinas.eu é a dunha gran dor e unha profunda pena polo amigo, polo colaborador que se nos fui. Os restos mortais deste gran camariñán están sendo actualmente velados no Tanatorio San Vicente de Vimianzo ata as 16:30 horas deste frío luns 29 de abril de 2013, hora en que se encamiñarán ata a Igrexa Parroquial de San Xurxo, onde a partires das 17:30 horas terá lugar o seu funeral de corpo presente. Molina, amigo, esperamos que cando comparezas ante o Señor, o fagas na compañía do teu eterno, tan fermoso, sombreiro de cowboy. Descansa En Paz e Que Deus che teña na súa Santa Gloria.

Noso querido amigo Molina durante a grabación do programa da TVG O PAIS DOS ANANOS

Comentarios   

Beldoña
+7 # DESCANSA EN PAZ,Beldoña 30/04/2013 11:13
Pois, naquela súa primeira etapa de trotamundos, coincidín con el pola comarca de Betanzos.
Gervasio Torreiro, ó arrancara da fame daqueles tempos, un día que achegara nunha furgoneta a vender patacas a Camariñas.
Levouno de axudante po seu negocio de Abegondo, e, por casualidades da vida, tamén o meu pai por aquelas datas, tivera que levar a toda súa familia con el, cara o mesmo lugar onde estaba o amigo “ MOLINA “
Viámonos con moita frecuencia, e, lonxe da terra, a nosa conversa non podía ser outra mais que de morriña polo pobo que nos vira nacer.
Descansa en Paz, JOSE LOPEZ VAZQUEZ; e nunca deixes de levar o teu sombreiro, nin o teu sorriso, pa que poidamos distinguirte mellor, cando, de novo, nos vexamos no mais alá.

Antonio Puertas
Denunciar ante o administrador
diegoalfr
+3 # DEP Molinadiegoalfr 30/04/2013 14:29
Dende aquí quero expresar o meu máis sentido pésame a toda a familia de Molina especialmente a súa dona, os seus fillos e tamén a todos os seus netos especialmente a súa netiña Uxía que nunca se separaba de seus avoiño.

Descanse en paz meu querido amigo Molina. Sempre estarás presente nos meus recordos. Xa nos veremos compañeiro!
Denunciar ante o administrador
Eu...Kiños
+2 # D.E.P.Eu...Kiños 30/04/2013 19:09
O meu pesame a familia pola perdida.Unha gran persoa que sempre tiña un sorriso que agasallar!!D.E. P
Denunciar ante o administrador

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.