1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Como ven sendo tradición antiga, o Martes de Carnaval celebrouse en Camariñas no Pavillón Municipal. Tradición dende que existe Pavillón Municipal, claro. O itinerario ata o mesmo é claro e non admite dúbida ningunha: ahí non caben sabotaxes nin cambios de rumbo, non poden meter a zarpa APAS, nin OPAS, nin EPAS, nin o OPUS siquera. O que quere vai e o que quere non vai. Eso si, non hai forma de evitar que as autoridades municipais do momento anden por alí e, casualidade ou non, sexan captadas en imaxes fotográficas rodeados de adorables e ilusionados nenos. Ao mellor están, pero non saen en ningunha foto. E bueno, como último recurso tamén cabe a posibilidade de prohibir de agora en diante e ata o fin dos tempos o acceso ao Pavillón Municipal en Martes de Carnaval a calquer tipo de autoridade política baixo pena de forte tortura,  medida á que aquí en camarinas.eu non nos vamos a opoñer de ningunha maneira e á que incluso apoiamos de forma entusiasta.

En todo caso, organizado polo Concello de Camariñas, sección cultura, este Martes de Carnaval centos de nenos, non tan nenos e pais dos anteriores dirixíronse en alegre procesión por distintos itinerarios ata o Pavillón Municipal para participar no desfile e reparto de premios no día grande do Entroido na Vila das Palilleiras. Máis ou menos como tódolos anos, había premios con dotación económica en distintas categorías, algunha das cales como é tradición quedou deserta, premios a comparsas e incluso por repetir ata repetiron os mesmos gañadores de anos anteriores. O cal por vez primeira motivou algunha seria discrepancia cara as decisións do xurado entre parte do público asistente, sendo esta á fin e á postre a novedade que aportou á tradición dos martes carnavaleiros camariñáns a edición do 2011.

Engadir un comentario