O Concello de Camariñas iniciará o reparto de composteiros, formación e asesoramento individualizado aos novos participantes do programa municipal “Camariñas composta” a vindeira semana, cando rematará a primeira fase de difusión e captación de participantes.

Así, mediante esta iniciativa os novos usuarios e usuarias recibirán os composteiros e serán citados para participar nas accións formativas. Estas realizaranse mediante grupos pequenos divididos por parroquias para facilitar o seguimento das medidas de seguridade e distanciamento social requiridas polas autoridades sanitarias.

Dita formación e seguimento virá da man das técnicas de “Amigos da Terra”, que acompañarán aos participantes ao longo do proceso coa fin de resolver as súas dúbidas e solucionar os problemas que puideran xurdir durante o proceso. O obxectivo é capacitar aos participantes para realizar a totalidade da compostaxe por si sos ao rematar a iniciativa no vindeiro mes de Novembro.

A iniciativa pretende que 200 novas familias comecen a reducir residuos orgánicos reutilizándoos nos seus xardíns e plantas. Ademais, ao diminuír os desprazamentos destes residuos impedindo que cheguen aos colectores de lixo, tamén se está a reducir o número de emisións de gases de efecto invernadoiro e polo tanto a participar de forma activa a frear o cambio climático.

Segundo o Concelleiro de Medio Ambiente e responsable do proxecto, Sergio Caamaño: “Coa compostaxe estaremos reducindo nun 50% a cantidade de residuos enviados ó ciclo da xestión municipal, producindo un importante aforro municipal, ademais de obter un produto de calidade para os solos do noso Concello”.

O prazo de inscrición neste proxecto seguirá activo até a vindeira semana e pode realizarse mediante o número de teléfono 981 73 70 04 o ben mediante o correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. A participación é libre sendo o único requisito o de ser veciño/a do Concello e contar cun pequeno xardín ou terreo no que situar o composteiro. A iniciativa está financiada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e é completamente gratuíta para os seus usuarios.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.