O Concello de Camariñas celebrará este ano o “Concurso de disfraces de entroido de Camariñas”, un certame de modalidade telemática con máis de 1.600 euros en premios en forma de vales para consumir en establecementos da vila. Deste xeito búscase dinamizar e promover a economía dos comercios locais, un sector especialmente afectado polas consecuencias da COVID-19.

As persoas interesadas en participar deberán enviar fotografías, tanto de fronte como de costas, vestidos cos seus traxes ao departamento de cultura do Concello de Camariñas. Terán que achegar a maiores o formulario de inscrición e unha breve descrición do seu disfrace onde se especifique o nome do traxe, a categoría a que se presentan, os datos da persoa e o número de participantes cando se trate de un grupo.

Categorías

Existirán tres categorías dentro do certame: unha de carácter individual destinada ao público infantil (nados a partir do 2008, este incluído), outro de carácter individual destinado a adultos (nados antes do 2008) e, finalmente, unha categoría de disfraces familiares, onde poderán participar os membros dun mesmo núcleo familiar ou conviventes (mínimo dúas persoas).

Premios

Haberá un total de 1.625 euros en vales para consumir en comercios locais do Concello de Camariñas en premios, repartidos do seguinte xeito: no concurso infantil individual existirán 10 premios aos mellores disfraces con 20 euros para cada gañador. Na categoría adulta individual, o primeiro premio será de 100 euros, o segundo de 75 e o terceiro de 50.

En canto ao certame familiar, o primeiro clasificado recibirá un vale de 300 euros, o segundo de 250 e o terceiro de 200. Ademais, os 6 primeiros en enviar as fotos familiares terán unha axuda económica, non acumulativa con respecto aos premios, de 15 euros por participante até un máximo de 75 euros.

Como participar

As persoas interesadas en participar terán que facerse cun formulario de participación na biblioteca municipal, cubrilo cos datos anteriormente descritos e envialo xunto coas fotografías ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou a través do Whatsapp 665 13 44 90.

O prazo para participar estará aberto até as 14:00 horas do 12 de febreiro. A decisión do xurado farase pública as 20:00 horas do día 16 a través da páxina www.camarinas.net e os perfís oficiais de Facebook e de Youtube. Tamén se compartirá ese mesmo día unha peza audiovisual recompilando todas as imaxes recibidas.

concurso_de_disfraces_2021.jpg

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.