A plataforma “Mercamariñas” do Concello de Camariñas pretende adaptar aos comerciantes locais ao mundo da compra/venda a través de internet. Funcionará a xeito de centro comercial virtual a través do dominio www.mercamarinas.com onde se poderán atopar todos os establecementos do municipio que participen na iniciativa.

A campaña é completamente gratuíta e xa ten os seus primeiros 20 participantes. Esta so é a primeira remesa posto que o goberno local anunciou que se ampliará o plan abrindo a posibilidade aos locais de hostalaría proximamente.

Dentro do “Mercamariñas” os comerciantes so terán que se encargar dos produtos que poñan á venta e de promocionar o seu espazo virtual dentro das redes socias, xa que a parte técnica será xestionada pola empresa local WP Nordés.

Os participantes disporán tamén de un pequeno curso de formación previo para levar a cabo as súas tarefas. Este farase a través de sesións nas que se tratan temas como: a fotografía de produto de calidade mediante smartphone, edición fotográfica fácil, xestión da tenda virtual, como escribir para que Google coloque á tenda nos resultados de busca ou para estimular ao cliente a comprar e, ademais, tamén se asesorará na creación e xestión das redes sociais do negocio.

En canto á situación sanitaria o permita, o goberno local ten previsto organizar unha reunión na que convocará a todo o tecido comercial para explicarlles e detallar o proxecto en persoa e coñecer aqueles que estarían interesados en formar parte del.

A concelleira de Comercio, Lara Pasantes, explicou que a idea de sacar adiante esta iniciativa xorde ante “a terrible competencia que ten o comercio de proximidade por parte das grandes superficies e cremos que esta é unha forma de axudalos a paliar esa desvantaxe existente na venda online”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “este proxecto ten o obxectivo claro de virtualizar, no mínimo espazo de tempo posible e cunha optimización máxima da plataforma, a todos eses comercios locais que están sufrindo unha grave crise de vendas”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.