Ao longo de todo o fin de semana Camariñas honrou a memoria dos náufragos do Serpent no aniversario do seu afundimento nos Baixos do Boi, e lembrou cun amplo programa de actos a historia dos naufraxios que , dende os inicios da navegación, contribuíron a tecer a lenda da Costa da Morte.

Como cada ano, un amplo grupo de persoas asistiron á representación que a compañía Dequenquén Teatro fai no Cemiterio dos Ingleses a escasos metros onde perderon a vida os tripulantes do Serpent. A representación amosa escenas de distintos personaxes que perderon a vida en varios dos naufraxios acontecidos nas nosas costas, poñendo a cada un deles no contexto histórico e na condición social propias de cada un deles e da época en que lles tocou vivir. Algúns dos cadros son especialmente emotivos, sobre todo aqueles en que os mortos están tan próximos a nos e a nosa realidade.

Pero tamén se fixo honra e homenaxe aos restos dos alí enterrados por medio da ofrenda floral que tradicionalmente fan o alcalde e o representante da Real Liga Naval Española. É unha tradición que se mantivo dende as orixes desta celebración e que sempre pon un punto de emoción no peito dos asistentes.

Pero este ano foi especial por canto se descubriu unha placa onde se recoñecía ao Cemiterio dos Ingleses como un dos Cemiterios Singulares de Europa e a súa inclusión na Ruta Europea dos Cemiterios.

E, por primeira vez, houbo unha programación moi orixinal e que, sen dúbida, deberá ter continuidade ao longo dos próximos anos. Durante toda a fin de semana celebráronse en tódolos bares de Camariñas charlas, debates, proxeccións audiovisuais e mesmo actuacións musicais que tiñan por nexo común a historia dos naufraxios na Costa da Morte. Unha iniciativa que deberá ser pulida e mellorada en futuras edicións pero que é, sen dúbida, unha das iniciativas innovadora e divulgativa moi orixinal que terá que chegar a lugares tan emblemáticos, en materia de naufraxios e de salvamento, como Camelle, Arou ou Santa Mariña.

Foi, en suma, un fin de semana intenso e, por momentos, moi emocionante que debe ter continuidade no futuro para que nunca esquezamos de onde vimos e porque somos como somos.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.