A Deputación provincial achega case oitenta mil euros para cosolidar a ruta que atravesa nove concellos da Costa da Morte e onde Camariñas é un punto fundamental. Así o recoñeceron tanto a propia Deputación como a Asiociación o Camiño dos Faros ao escoller o faro de Cabo Vilán para formalizar este convenio. Os fondos van destinados a financiar a homologación do Camiño dos Faros como senda de Gran Percorrido

Ao acto asistiron, ademais do deputado Xosé Regueira e o presidente e membros da Asociaciación o Camiño dos Faros, alcaldes e cargos institucionais dos concellos por onde pasa o Camiño dos Faros como o noso  alcalde, Manuel Valeriano Alonso "Pichurri" que estivo acompañado por varios concelleiros do seu grupo municipal, o de Vimianzo, Manuel Antelo, o de Mazaricos, Juan José Blanco, o de Ponteceso, Lois García Carballido, o de Malpica, Eduardo Parga e o de Fisterra, José Marcote.
 
Segundo o que manifesta a nota de prensa que fixo pública a Deputación da Coruña "no proxecto que financia a Deputación da Coruña inclúese a diagnose e estudo de definición da senda, a execución de intervencións como homologacións da Federación Galega de Montañismo ademais de topoguía, sinalización e panelización e, finalmente, estudo e execución das medidas e obras de acondicionamento". O alcalde de Camariñas amosou o seu agradecemento por escoller o faro de Cabo Vilán para este acto polo que significa de simbólico e porque sitúa a Camariñas como un referente neste tipo de turismo deportivo. 

O Camiño dos Faros, nacido como unha iniciativa de un grupo de amigos, tense convertido nun fenómeno de masas nos últimos anos. E non é para menos xa que este percorrido visita os lugares mais emblemáticos da Costa da Morte e, posiblemente, unha das paisaxes mais espectaculares de toda Europa a través dun camiño que conecta Malpica de Bergantiños con Fisterra. Tanto é así que moitos comezan a consideralo "o Camiño de Santiago da Costa" pola súa repercusión económica na hostelería de Camariñas. Benvidas sexan este tipo de iniciativas.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.