13 de novembro de 2002. Son as 6 da mañá e un cheirume a fuel invade, pouco a pouco, Santa Mariña. As 6.30 os primeiros mariñeiros e mariscadores que baixan ata o Casoliño e Ríos, enseadas naturais que facían de porto á brava flota destes auténticos lobos de mar, atopáronse cun fedor insoportable e un manto negro coma morte que todo o cubría: os petóns que emerxían do mar, as chalanas fondeadas ao abrigo dos temporais, os areais, o mar todo era negro como a noite mais escura. Negro todo, como un pesadelo, coma un desgarro da alma.

 marineiros santa marina limpando chapapote prestige 1

Ás 09.15 soa un teléfono en Camariñas e, ao descolgar, escóitanse os laios desgarrados dun familiar: “miña irmá!, miña irmá!, isto é o fin do mundo! Acabouse todo!” Dentro da ría aínda non arribara o mostro. A esa mesma hora, ao redor do Museo de Man, mais de dous metros de peste negra, espesa e pegañenta coma a maldade mesma, convertían a obra de décadas nun espacio apocalíptico. Os tombos da marea viva golpeaban contra o dique de Camelle, non con auga cristalina coma sempre se non con toneladas de chapapote viscoso e fedellento.

Un Pichurri anónimo limpando fuel nos coídos de Camariñas

Ao longo dese día, e dos seguintes, todo o litoral camariñán veuse asolagado pola vaga de chapapote: Portocelo, Lago, A Esbarda, A Galera, O Castelete, O Home Morto, O Coidal das Castañas, Coenda, Reira, Trece, Santa Mariña, Lobeiras, Arou, Camelle... E toda a Costa da Morte, e toda Galicia, e o Cantábrico, e puntos de Portugal e Francia.

Pero tamén se desatou a maior vaga de solidariedade que poucas veces se vira. Homes e mulleres de toda clase e condición, de todas partes de Galicia, de España e do mundo, acudiron ao rescate.

Voluntarios do Prestige limpando a costa de Camariñas

E, mentres as autoridades amosaron un exemplo de xestión dunha catástrofe que quedará nos anais do mundo como o que nunca se debera facer, a sociedade amosou o mellor do ser humano: o compañeirismo, a solidariedade, a entrega, o esforzo persoal e colectivo e a entrega sen límite nin medida.

As paredes da Casa de Pedra poden contar milleiros de historias persoais de todos aqueles que acudiron ao rescate e converteron aquel lugar nunha comuna de solidariedade. Viñeron de todos lados pero para os camariñáns sempre haberá un lugar moi especial para os voluntarios baleares e para ás súas institucións que semana tras semana, mes tras mes, acudiron por milleiros a limpar as nosas costas e o noso medio de vida. E todo elo sen que lle custase un peso aos camariñáns. Eles viñan con todo: servicios médicos, equipamento, aloxamento e manutención pagados, e, sobre todo, disposición e empatía a toneladas.

Voluntarios do Prestige con unha pancarta na Area da vila de Camariñas

Quince anos van aló. Quince anos que nos teñen amosado moitas leccións, boas e malas, do que debemos ou non debemos facer en situacións semellantes. Polo camiño quedan moitas miserias humanas e moitos heroes anónimos. Quedan responsables da xestión nefasta daqueles feitos que, en moitos casos, nin tan sequera foron castigados nas urnas. Queda, tamén, un dos mais completos e amplos servicios de salvamento e rescate que pode ter un país construído para dar resposta a situacións de emerxencia que, ogallá, nunca se produzan.

En Camariñas, acostumados como estamos as traxedias no mar, sempre temos presentes aos que perderon a vida no mar, pero, dende o Prestige, nos nosos corazóns están presentes tamén milleiros de homes e de mulleres que nos regalaron a vida. Porque, para nos, salvar o mar é salvar as nosas vidas.

Fotos: Uly Martín - Xabier Puertas

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.