Fai uns días un persoeiro especialista en propoñer a testaferros ao fronte dalgunha entidade, cívica ou política, parece ser que se achegou polo concello coma se fose Napoleón e pediu ver a unha alta funcionaria. Presentouse como “o asesor xurídico do PP de Camariñas e o home que denunciou ao alcalde”. Esta información fíxonola chegar unha persoa que di habela escoitado polos aledaños do Club Náutico, onde o suxeito en cuestión reina a través dun mandado.

Así se entenden algunhas cousas. Como esta obsesión de pleiteante que ten o PP de Camariñas como único instrumento para, en teoría, acadar algunha vez o goberno municipal. Estratexia reiteradamente posta en marcha polo Napoleón en cuestión, e sempre acadando fracaso tras fracaso.

Seguramente foi idea do devandito elemento a falta de respecto institucional, sen precedentes, que o Partido Popular levou a cabo no acto de irmanmento entre Camariñas e o municipio francés de La Turballe, porque se non é incomprensible que alguén cun mínimo de sentido da decencia política faga tales cousas.

Cando recibimos a uns invitados na nosa casa, e aínda que teñamos difencias entre os membros da unidade familiar, procuramos comportarnos civilizadamente gardando as liortas para a privacidade. Pero iso parece alleo ao sentir de quen nos representa a todos e din falar en nome de todos. Ou iso din.

O papel desta oposición é lamentable. Din que o alcalde é un ocupa ilegal da alcaldía, e sen embargo fanlle unha morea de preguntas dirixíndose a el como “señor alcalde”. A ver, é alcalde ou non o é? Diríxense á Deputación Provincial para... pedir obras e melloras para Camariñas? Non! Fano para pedir que non se lle concedan obras nin servicios ao seu municipio!! Nunca tal se vira.

E cando catro iluminados pretenden boicotear o maior proxecto urbanístico abordado en Camariñas en moito tempo, como é a remodelación da Praza de San Xurxo e o seu contorno, estes fenómenos da natureza póñense do lado dos do non. Cousas verdes!

Dende este medio de comunicación preguntámonos, que propostas, en positivo, ten feito Mauricio Aufiero para Camariñas nos anos que leva ao fronte do PP local? Ou é que el non está ao fronte? Algunha vez demandaron da Xunta de Galicia que, por exemplo, complete a rede de saneamento do concello abordando a esquecida parroquia de Xaviña? Fixeron algunha xestión para que Portos de Galicia remate a fachada marítima prolongando a fachada dende o Cansorro ate a Carnicería?. Alguna vez acordaron demandar o peche do porto polo nordés para cortar os ventos desa dirección e facer del o mellor porto de abrigo de Galicia por catro chicas?

Parece que esas preocupacións non entran nas prioridades do PP local. Para eles o único que interesa é compara a Camariñas con Venezuela e ao alcalde con Maduro. Manda carallo coa ocurrencia dun partido que ven de ser condenado polos tribunais como corrupto oficial. E así seguen como malos pleiteantes de aldea, inasequibles ao desalento e de derrota en derrota ate a derrota final. Iso si, polo camiño van sementando podremia a esgalla e enlamando o nome de Camariñas gratuitamente.

Engadir un comentario

Código de seguridade
Recarregar