Hoxe é noticia na prensa que a Asociación de Empresarios de Camariñas tira a toalla na xestión do Faro Vilán. Non é unha boa noticia. Non tanto porque os empresarios abandonen, se non porque o principal símbolo da identidade camariñana volve a ficar abandonado e pechado sobre si mesmo cando podería ser un foco turístico de primeira orde.

Aquí os erros acumuláronse exponencialmente. Primeiro Neria asina un convenio co Porto de Coruña, que é o organismo do que depende o faro, á marxe do concello e, como tantas cousas promovidas por esa entidade nalgúns momentos da súa historia, cunha ampla dose de improvisación e folklorismo. A esta iniciativa súmase a Asociación de Empresarios que, coma todas estas entidades, reivindican o protagonismo dos “auténticos profesionais” e da “sociedade civil” na xestión dos recursos públicos, pero iso si, sempre a conta de subvencións dás institucións ás que recorren tan pronto as cousas non van como eles esperan. Engadamos a isto a creación de entidades ficticias, alimentadas, por suposto, con cartos públicos, e teremos o caldo de cultivo ideal para un fracaso anunciado.

Hoxe todos nos laiamos pero, onde están os estudos sobre os que soportaron tódalas iniciativas que nos trouxeron ata aquí? Que documentos manexou Portos do Estado para que en Vilán se fixera o que se fixo e non outra cousa? Cando os empresarios lanzaron de cabeza a este proceloso mar, que plan financieiro, turístico, empresarial, ou de calquera outra índole, tiñan feito para ver a viabilidade do proxecto a curto, medio e longo prazo?

Coma sempre agora pretenden focalizar os problemas as culpas nas distintas administracións. Curiosamente algunhas delas non teñen competencias nin sobre o faro nin sobre o seu contorno, como ben saben os que hoxe tanto se laian do fracaso da improvisación e a frivolidade.

E claro que o concello é responsable. Responsable por non plantarse, fai tempo, diante de tanta irresponsabilidade. E responsable por non tomar a iniciativa política e demandar de Portos do Estado unha solución global e coordinada cos respectivos concellos, para tódolos faros. En Vilán hai miles de metros cadrados ociosos, nun lugar privilexiado, que están esperando que alguén faga o que tanto se predica e que nunca se fai: “poñelos en valor”. Pero tamén hai espacios ociosos en Touriñán, en Sisargas, en Lobeiras, en Lariño, e ao longo de toda a costa galega e española.

Aquí non vale queixarse hoxe do que poido ser e non foi. Non vale querer sacar ás institucións de tódolos espacios pero pretender vivir das súas ubres permanentemente. E o concello non pode ser un espectador pasivo de todo isto porque, aínda que non é dono do faro nin ten competencias, debera ter a capacidade política de liderar un movemento que force ao Estado a aproveitar este rico patrimonio en beneficio de todos. Ou ben directamente, como é o caso de Paradores, ou ben en convenio coa institución municipal correspondente. E si se privatiza, fágase con condicións e regras claras con quen amose proxecto, iniciativa e capacidade económica suficientes que garantan a viabilidade do proxecto.

Engadir un comentario

Código de seguridade
Recarregar