Fai uns días celebrouse a Feira Náutica de Camariñas, Fenacam, nome co cal se denomina orixinalmente á Feira Nacional do Camarón do Brasil pero que en Camariñas fai mención a unha carpa instalada nos aledaños do CNC no cal se expoñen varios servizos relativos a diferentes sectores. É interesante que no noso concello se celebren eventos que poñan en valor o noso potencial económico, empresarial, cultural ou de calquera outra índole, polo que non cabe mais que felicitar aos promotores desta feira.

Á inauguración, os organizadores convidaron a varias autoridades que representaban ás correspondentes institucións, entre elas á Conselleira do Mar e ao Alcalde de Camariñas. Ámbolos dous na condición de tales e non como Rosa Quintana ou Manuel V. Alonso de León, xa que como persoas físicas non son mais que ninguén pero en razón do cargo representan a dignidade do goberno de Galicia e do goberno de Camariñas.

Como o alcalde de Camariñas estaba de viaxe ostentou a representación da alcaldía a súa substituta, Dona Sandra Insua Rial que exerceu de alcaldesa en funcións durante o período ausente do alcalde. Hai que lembrar que a máxima autoridade no municipio é o alcalde do mesmo e que si se convida formalmente enténdese que se lle fai á institución, polo que as faltas de respecto para con quen a represente son faltas de respecto ao concello e ao conxunto dos seus habitantes.

O protocolo desa feira ignorou a alcaldesa en funcións, é dicir ao concello de Camariñas, e deulle todo o protagonismo en exclusiva a Conselleira do Mar. Dona Sandra Insua nin sequera tivo oportunidade de dirixir unhas palabras ao auditorio nin de agradecerlle a un membro do goberno de Galicia, publicamente, a súa visita a Camariñas.

E posible que todo fose un erro sen intención ningunha de menospreciar a Sra. Alcaldesa en funcións xa que en caso contrario estaríamos falando de utilización perversa dunha entidade para librar guerras políticas no lugar e no momento equivocado, porque, de non querer que asistise representación das autoridades locais, que sentido ten convidalas?

Cada un pode ter as conviccións políticas que considere. Incluso pode ter as fobias persoais que lle parezan oportunas, pero cando se ostenta a representación dunha entidade, por modesta que sexa, hai que poñer os intereses colectivos por riba das nosas xenreiras persoais ou políticas. Esperemos que non volva a ocurrir.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.