Este sábado un grupo de persoas imos a facer unha andaina dende Berdoias a Baio para reivindicar que a Xunta de Galicia remate dunha vez as obras da autovía da Costa da Morte. Parece un contrasentido que reivindiquemos andando unha vía de comunicación para vehículos, pero a realidade é a que é.

Unha autovía para a Costa da Morte non é un capricho se non un instrumento fundamental para o seu desenvolvemento económico e social. Porqué? Poñamos como exemplo o noso concello para ver o cambio substancial que se produce con esta vía de comunicación. Cunha autovía de catro carrís, dous en cada dirección da circulación, Camariñas está a menos dunha hora da Coruña e da súa comarca de influencia porque a saída da mesma está prevista en Calo. Pero non é solo un problema de tempos se non tamén de seguridade, de aforro de combustible e de mecánica, de multas de tráfico, etc. Con ese tempo e cunha vía de comunicación fiable e segura, os polígonos empresariais  da Ponte do Porto e de Camariñas así como os portos pesqueiros e o deportivo serán moito mais accesibles e multiplicarán o seu potencial económico.

Portosín tense convertido no porto deportivo e na segunda residencia de moitas familias de Santiago. Porqué Camariñas e o conxunto da Costa da Morte non pode ser a segunda residencia da Coruña e o lugar do seu ocio e das súas vacacións? Camariñas conta cun magnífico porto pesqueiro e deportivo; conta cun plan de urbanismo que permite o investimento en chan residencial coa seguridade xurídica que non se atopa, por desgracia, noutros concellos; conta cunha das paisaxes mellor conservadas de Galicia e de España; ten valores etnográficos, artesanais, medioambientais e gastronómicos que a poden situar nun escenario inmellorable dun desenvolvemento turístico futuro.

A autovía é un instrumento fundamental para que polo menos o intentemos. Cando a Xunta apostou polo Porto do Brens a comarca reaccionou convertendo este porto de Cee no primeiro de titularidade autonómica. Cando o Goberno Galego apostou pola residencia de Vimianzo atopou resposta na sociedade da Costa da Morte. Cando un modesto concello como Dumbría apostou por traer a Volta Ciclista a España ao Mirador do Ezaro, a resposta da Costa da Morte foi espectacular e a publicidade xerada en todo o país foi impagable... porqué entón debemos seguir illados por estrada, sometidos a tránsitos urbanos insufribles cando a Costa da Morte sempre reaccionou aos investimentos feitos nela?

En 2009 o Goberno Feijoo atopouse coa autovía adxudicada a unha unión temporal de empresas (Taboada e Ramos e Fomento de Construcciones y Contratas) que xa tiña feito o proxecto, as expropiacións, e todo o traballo administrativo inherente a este tipo de obras. Co estoupido da crise económica a UTE pídelle á Xunta de Galicia renegociar as condicións económicas porque os bancos cos que están negociando o financiamento da obra piden intereses mais altos que os comprometidos no proxecto. A Xunta de Galicia, lexitimamente pero sen medir as consecuencias, négase a negociar e decide rescindir a adxudicación previa idemnización á empresa con case cinco millóns de euros polos traballos feitos ate ese momento. O argumento era que UTE non tiña capacidade técnica para facer a obra; que o incrementar as cantidades polas que se fixo a adxudicación vulneraba as condicións da mesma; que coa nova licitación a obra faríase moito mais rápido e sería mais barata, etc. Etc.

Cal foi a realidade? Pois que se volveu a licitar unha vez e o asunto acabou no xulgado porque se pretendía adxudicar a oferta mais cara e porque una das empresas que concursaban interpretaba que se había vulnerado a lei. Volveuse a licitar e adxudicouse á mesma empresa que a Xunta argumentaba que non tiña capacidade técnica para facer a obra, por mais de douscentos millóns de euros mais que na adxudicación do Goberno Touriño, e por un período de tempo cinco anos inferior a aquel. Hai que facer constar aquí que esta obra finánciase polo que se chama peaxe na sombra ou sistema alemán, que significa que a empresa faise cargo de tódolos gastos e a administración vai pagando ao longo do período de concesión.

Ao longo de todo este tempo a Xunta de Galicia asumiu o compromiso de rematar as obras ate en catro datas distintas, todas elas incumpridas. Tense reunido cos alcaldes e con outros colectivos da comarca comprometendo prazos que nunca se fixeron realidade. A empresa iniciou os traballos de explanación que deixaron aldeas asolagadas e illadas e que ven como os seus problemas se prolongan no tempo porque as obras da autovía están mortas dende fai mais de dous anos. E cal é o problema?

Pois que a empresa ten dificultades de financiamento porque os bancos non consideran suficiente garantía, para prestar os cartos, unha adxudicación da Xunta de Galicia. Isto non deixa de ser curioso porque o Presidente Feijoo presume de que a saúde financeira da Xunta é inmellorable e somos os campións dos campións entre as autonomías españolas. Vese que os bancos non pensan o mesmo. Así que o problema e sinxelo e terrible: se non hai cartos non se poden facer as obras.

E que fai a Xunta? Contarnos milongas: que si as obras retomaranse nuns meses, que si a empresa está a punto de conseguir o financiamento, que si vamos a priorizar (un eufemismo para dicir que nos deixarán sen media autovía) o tramo Carballo-Baio, que si a empresa non soluciona os problemas financeiros rescindirá a adxudicación... pero, como se di por Camariñas, tira pa terra e nin rabo de peixe.

A conclusión é sinxela; Feijoo, nunha decisión lexítima e legal, decidiu tirar por terra o traballo doutro goberno e doutro presidente argumentando que todo se fixera mal e que el ía facelo mellor, mais barato e en menos tempo. Pois ben, a realidade demóstranos que non é así se non todo o contrario: mais cara, peor e, ao que se ve, sen prazo para o seu remate. E os paganos os de sempre: os que vivimos na Costa da Morte.

Eu, como veciña de Camariñas e da Costa da Morte, vou a participar nesa andaina reivindicativa porque me parece unha iniciativa digna, civilizada e cunha profunda carga simbólica: hai que reivindicar andando un compromiso para que poidamos circular en coche por unha autovía. O meu partido, o Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE, apoia e comparte os principios que nos moven a percorrer a autovía inexistente, xa que somos o Grupo Parlamentario que mais iniciativas e debates forzou no Parlamento. Pero alí non estará o Partido, se non os homes e mulleres da costa da Morte que xa están fartos de tanta mentira, de tanta fabulación e de tanto desprecio. Non é momento de siglas nin de bandeiras, se non dos compromisos colectivos.

AUTOVÍA DA COSTA DA MORTE XA!

Comentarios   

Mikel
+9 # A política non está a alturaMikel 24/08/2014 12:58
De nada serve facer un comentario e menos vindo dun cidadán vulgar para poder chegar ao fondo dun político de turno, que vive e traballa a conta da política, merced duns votos recolectados entre outros cidadáns tamén vulgares pero quixera expresar a miña opinión ao respecto deste artigo porque lamentablemente non puden asistir a esta andaina reinvindicativa por razóns laborais..

Esta autovía xa ten moito diñeiro invertido e actualmente tirado pola borda, vese que do lombo dos actuais mandamáis non saíu senón outro galo cantaría. Pode ser que o anterior goberno do bipartito tivera e se atopara con moitas trabas para poder facer esta autovía pero a realidade é a seguinte...a autovía comenzouse a facer e levaba moi boa pinta...había maquinaria e persoal traballando, todo o demáis son milongas (como ben di esta crónica). O triste é saber que cambiou o goberno e non sei por qué, estancouse o único medio de comunicación que a Costa da Morte ía ter co resto da península....un ha zona (a nosa) que ningún pais desenvolvido poría o freo que poñe este goberno, a parte de non deixar aos cidadáns tirar padiante nunha etapa moi crítica, falando claro está de traballadores vulgares. Esta autovía podería estar feita cando se recibiron miles e miles de millóns das antigas pesetas que a Unión Europea mandou para desenvolver as zonas máis necesitadas de Europa, entre elas Galicia, digan ou vendan o que nos queiran vender. Incluso na actualidade con tanta palabra crise, esta carretera o que sobra é como financiala, non fai falta ser economista, simplemente realista...peax es, axudas autonómicas, etc...léase Renfe subvencionada con 50 millóns de euros anuais para que certa liña de tren opere entre catro pasaxeiros contados. Aqui por ter, non temos nin unhas liñas de buses. A zona está golpeada duramente porque a pesca en xeral está fatal. Tan só catro turistas que emparchan as maltreitas economías da maioría de personas, non de todas, non fan falta máis explicacións. Alguén ten que coller o toro polos cornos e ao non axudar a desenvolver estes pobos, aldeas chamadas por moitos dos mandamáis da capi e si non queren por caprichos absurdos, que se aparten e deixen traballar a políticos de verdade, dos que lles interesa facer algo polos cidadáns e quedar no recordo como persoas de valor e non contameses que siguen pasando olimpicamente da Costa da Morte...non se olvida o actual ¨¨Custe o que custe¨¨ para unha capilla perfectamente saneada e sobrada en materiales de todo tipo, donacións aparte e nembargantes para algo tan realmente necesario, usando un contagotas mui ficheiro, como decimos os mariñeiros porque tal crise non acabo de entendela, pagando os impostos mais altos da historia do noso pais e disfrutando dos servizos básicos máis pésimos que este titular recorda. Necesíatanse aires de cambio de rumbo e que a xente desperte e poña a cada un no seu sitio, deixemos fanatismos e miremos por nós porque está claro que o actual goberno, polos catro costados, pasa do mar, dos mariñeiros, dos empresarios e de todo canto pinte a color aldea...os contos non enchen
Denunciar ante o administrador
Beldoña
0 # RE: AUTOVÍA DA COSTA DA MORTE XA! por Marisol SoneiraBeldoña 03/11/2014 17:14
..E, como os contos non enchen, amigo Mikel, estamos fartos de falsos mesías que se acordan da nosa Comarca cando chega o ano das milagres. Entón, volven a vir cunha carpeta chea de promesas e “ boas intencións “ ate que pasan outra vez catro anos mais, esquecendo o prometido.
Lembro nestes intres a un “ Señor “ Alcalde que dicía que, a Costa da Morte, ben podía esperar tempos mellores pa remar esa autovía tantas veces prometida...Pol a contra, el, pedía que rematasen dunha vez a Vía Ártabra, que está a pasar polo seu Concello.... Concello florecente e rico, que non precisa ( de momento ) de mais axudas por parte da Administración, e, si, o noso, por ser unha das zonas mais deprimidas de España durante séculos.
Como ben di o cronista, e ti ó ratificas, pa que un pobo teña prosperidade e riqueza, precisa de boas comunicacións e de axudas por parte da Administración ( desaproveitadas , por certo, cando ás tiveron ). Mans non faltan e xente capacitada, tampouco. Sobran vividores e xente aproveitada que ten a Política como negocio, pa enriquecerse el e a súa prole.
Como estamos en terra de pescadores, abondan refráns que falan por si solos: “ a río revolto, ganancia de pescadores “
Antonio Puertas
Denunciar ante o administrador

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.