
A Arousa para os da Illa. A Illa para o resto dos de Arousa. Un territorio de sete kilómetros cuadrados ubicado no centro mesmo da ría máis fértil de Galicia illado secularmente do continente ata que no ano 1985 se construío a ponte que o une ao resto do mundo. Unha constitución en concello propio ("A Independencia") das últimas de Galicia e acadada tras anos de dura loita frente á súa antiga metrópoli, Vilanova de Arousa, e celebrada aínda a día de hoxe como festa nacional. Unhas xentes que despois de anos nos que unha liña regular de ferries marítimos era a única vía de conexión forxaron un carácter distinto, isleño levado ao extremo. Un verxel para o visitante e un lugar digno de visitar. A ruta sureña de camarinas.eu chega ata a Illa de Arousa, a maior ínsula da xeografía galega.
Unha vez saídos de Vilanova enfilamos a kilométrica Ponte de Arousa e Bénder asómase como sempre ás ventanas traseiras do automóvil xermano e contempla anguriado o que parece unha viaxe voadora sobre unhas augas que non acaban nunca: dous longos kilómetros de ponte que en datas recentes foron os causantes do enésimo conflicto diplomático entre a ex-colonia (A Illa) e a antiga metrópoli (Vilanova). Esta última por supostos problemas económicos negouse a instalar alumeado público na parte da ponte que lle corresponde, dende o entendemento de que non procede poñer unha ponte de plata ao visitante que queira abandoar o concello con destino ao seu independizado veciño. No camiño das últimas horas da tarde ata tres autobuses completamente repletos de xiareiros parten cara Vigo, onde o Celta ás 21:00 horas xogará en Balaídos contra o Granada o partido de ida da promoción de ascenso á Primeira División. Atopámonos na Illa, un territorio onde o Celtismo constitúe unha relixión totalitaria que non admite nin discusións nin cismas.
Guiados por un camariñán emigrado ás terras sureñas tomamos tranquilamente uns refrescos nunha céntrica terraza da Illa cuns indíxenas. Preguntado un deles por un dos seus compatriotas como é que non se desplazou ata Vigo no día de autos responde que "non oh, senón a estas horas estaba que xa non vía nin o día nin a nuite". O extraño acento melódico, cantarín, omnipresente ata no último recuncho das Rías Baixas impregna unha conversación que discurre polos sorpresivos temas autóctonos. Así, pídenlle ao noso cicerone "tabaco continental" xa que a crise económica sería a responsable de que os antigos contrabandistas dos tempos pasados volveran ás andadas e pola Illa circulara unha letal partida de Winston de contrabando de supostas orixes chinas, da que "fumar un pitillo é como si fumaras un cartón enteiro".
Abandoados os nosos amigos ao abrigo da céntrica terraza de "O Con do Moucho", decidimos visitar o pequeno e coqueto Faro de Punta Cabalo. Alí, mentras un cargueiro se abre pesadamente paso entre as bateas seguramente con destino ao xigantesco porto de Vilagarcía, auténtica capital demográfica, económica e política da Ría máis fértil de Galicia, tal vez do mundo, ao divisar o impresionante conxunto de cons que o rodea todo, esas enormes moles pétreas de formas redondeadas e piso liso que inundan a Ría de Arousa, un só lamenta non visitar tais magníficos lugares acompañado dalgunha digna sucesora daquela Harriet Anderson que se perdía co seu novio de clase alta polas costas de Suecia na inolvidable "Un Verano con Mónica". Ao rememorar aquela viaxe nunha pequena lancha a motor de dous xóvenes suecos inmortalizada no celuloide en 1953 por Ingmar Bergman e o baño espido da beleza nórdica nunha das piscinas naturais que o mar formaba en pedras lisas e redondeadas, tan semellantes aos cons sureños, un ramalazo de maldita melancolía, sempre presente, apodérase vagamente do redactor. Mentras Bénder, menos soñador, menos teórico, menos snob que o seu dono, divisa dende o fariño a cara norte do veciño Grove e con dous impoñentes ladridos avisa de que é hora de voltar ao fogar. Quen manda, manda.
Me Gusta
0
Por favor, registrate para calificar.
Noticias Relacionadas:
Noticias máis antigas na mesma categoría:
|
Comentarios
“ Quen manda, manda “ e, o que manda, avisa… ¿ á onde me trouxeches, amo meu, que, o meu atoleirado compás, non da atopado ó cuadrante circulo do seu norte ? ¿ De onde me sacaches ti, que, os airiños da nosa terra, pasan de longo sobre os candís dunha illa, laiando en linguas extrañas que non recoñezo ?
Agre desterro compartido o noso, paisano, que non soubemos, como tantos e tantos outros, saborear as meles e as leites dun recuncho de terra que a sorte nos asignou nos comezos da nosa vida.
¡¡ Laia, laia, como neno, que eu ouvearei como can !! ata que os aires do mar nos acheguen ó noso derradeiro destino.
Como sempre, excelente relato, dende a saudade dun desterro.
Agarimoso saúdo
Antonio Puertas
Suscripción de noticias RSS para comentarios de esta entrada.