|

Ignacio Crespo Liñeiro, veciño da Coruña, pero coas súas raíces maternas na vila de Camariñas é Licenciado en Historia e a súa especialización é a arqueoloxía terrestre e subacuática. Acaba de regresar de Exipto, onde tivo que deixar sen terminar o seu traballo debido á revolución que ven de sufrir recentemente o país dos faraóns. A arqueoloxía, dinos, é unha profesión vocacional aínda que o camiño que lle levou até Exipto, a meca do seu traballo, foi longo.
Licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela nas especialidades de Historia Antiga e Arqueoloxía, leva 11 anos dedicado en corpo e alma á protección e estudo do noso Patrimonio tanto en Galicia, como no resto de España. Ten unha empresa especializada no sector desde hai 4 anos traballando tanto en arqueoloxía de campo como subacuática: ARGOS S.L. (www.argosarqueologia.com) e están a desenvolver proxectos tanto para o sector privado como para administracións públicas, universidades e institucións científicas de prestixio internacional. Traballou en Irlanda, Portugal, Libia e Exipto e espera seguir ampliando horizontes co obxectivo de seguir aprendendo métodos de traballo que permitan enriquecer a cultura e os traballos no noso país.
Durante as últimas semanas desenvolveu un proxecto no sur de Exipto, na antiga cidade ptolemaica de Berenike, un porto que desde o século III a.C. até o IV de nosa era foi a última fronteira do Imperio Romano en África e un importante nó comercial que comunicaba o mundo mediterráneo coa India. Este proxecto, organizado pola Universidade de Delaware (EEUU), o Instituto Arqueolóxico Polaco en Exipto e o Consello Supremo de Antigüidades de Exipto, xa sería interesante en si mesmo se non fóra polas especiais circunstancias que atravesou Exipto estas últimas semanas e que converteron un traballo, xa de por se complicado por ter que desprazar un importante grupo de investigadores provintes de todo o mundo ao deserto que serve de fronteira entre Sudán e Exipto, nun continuo de informacións, rumores e acontecementos que tiñan ao mundo en vilo.
O xacemento que estaban a excavar foi abandonado hai 1500 anos, a cidade quedou en ruínas e aínda que foi buscada durante séculos sen éxito, o navegante portugués do século XVI Don Joao de Castro deixouno nos seus escritos, pero non foi até finais do século XIX cando se volveu a localizar, excavándose algún dos seus templos. O seu traballo e o dos outros investigadores, consistía en localizar as estruturas da zona portuaria, onde atoparon restos de embarcacións abandonadas da época, restos de edificios, templos así como papiros escritos, animais momificados, moedas, estatuas e inscricións en grego antigo. Tivo que regresar o pasado día 10 de febreiro e, sendo o seu labor o de Consultor de Traballo de Campo para a prestixiosa Universidade de Oxford (Inglaterra).
Anteriormente realizara para esta universidade e a de Roma (Italia), outros traballos, concretamente en Libia, onde terá que volver no próximos catro ou cinco anos, pois este é un territorio que foi moi romanizado na antigüidade. É un país que apenas permite facer o que eles fixeron, o localizar novos xacementos, vilas intactas ao longo da costa e consideran que existen moitos barcos afundidos, aínda que apenas puideron mergullarse uns poucos días, pero o que é indubidable, é o potencial deste país e de Exipto.
 A súa estancia no país dos faraóns, coincidiu cos sucesos revolucionarios, tiveron que sufrir cortes nas comunicacións, ausencia de policía, as noticias eran moi confusas, pois estaba nun lugar en que había que percorrer 700 km., para chegar á cidade máis próxima, a situación agravábase pola dificultade de conseguir subministracións, pois quedaron completamente illados. Cando conseguiron comunicarse foi cando se deron conta do que realmente estaba a pasar, pero resalta o bo comportamento que en todo momento tiveron cos investigadores os militares destacados nunha base próxima onde estaban a traballar.
Temeron nalgún momento pola súa seguridade, pois a policía desapareceu e as perspectivas de cruzar 700 km., de deserto, que xa é inquietante de seu, agravábanse polos episodios de bandidaxe e violencias que ocorrían por todo o país. Uns compañeiros polacos que abandonaron o campamento antes que el, foron asaltados e roubados durante o seu traxecto até o Cairo e, o autobús no que viaxaban deixounos a 30 km., da capital. Cando se decataron do que lles ocorreu foi cando decidiron abandonar as excavacións.

Máis que medo tiveron respeto á situación, pois a incerteza é o que che fai pensar en que forma e cando podes abandonar o país, pois ninguén che garante a túa seguridade e, logo tamén pensas no futuro das investigacións que estás a facer. Todos podiamos ver nas noticias que nos facilitaban as televisións e os medios de prensa escritos os episodios de bandidaxe, como os que padeceron os arqueólogos polacos que estiveran con el, pero tamén nos chegaban noticias do saqueo aos museos.
Ao ter coñecemento do que estaba a pasar, foi o primeiro que pensaron e, ao final ocorreu. Aínda que os saqueos non foron tan graves como se podía pensar, ao final roubaron algunhas pezas de gran valor patrimonial no Museo do Cairo, pero levaron moitas pezas das que había na tenda de agasallos do propio museo. Onde si houbo un saqueo importante foi no Museo de Arte Copto. Ante estas situacións, foi o momento que decidiu regresar, viron o problema que se lle expuña para chegar por estrada, pois á falta de controis, uníase o problema dos bandidos, foi cando decidiu irse até a pequena cidade turística de Hurghada e, desde alí conseguiu voar até Xenebra, despois a Barcelona e ao final chegou á Coruña.
Me Gusta
0
Por favor, registrate para calificar.
Noticias Relacionadas:
Noticias máis novas na mesma categoría:
Noticias máis antigas na mesma categoría:
|