Malos tempos para a afición do FC Camariñas. Como acertadamente pronosticara Camarinas.eu este sería o partido máis importante en moitos anos do equipo da vila das palilleiras. E vaia se o foi, xa que de un plumazo os chavales do FC Camariñas puxeron medio pe en terceira rexional e xa non dependen de si mesmos para salvar a categoría. Este domingo púxose de manifesto a peor das opcións que poderían resultar do encontro que os nosos desputaban co Baiñas e, aínda que despois dunha boa primeira metade, os rapaces de Tono colleitaban unha dura derrota que os sume no abismo que supoñe estar en zona de descenso a terceira rexional, o nunca visto no FC Camariñas.

Baixo un intenso temporal de vento e chuvia, os xogadores do FC Camariñas cuaxaron unha gran primeira parte na que se adiantaban no marcador cun golazo de Maikel no minuto 22 que daba un alivio a toda a grada camariñana. Incluso pudo aumentar a diferencia no marcador o FC Camariñas se o árbitro tivera coraxe e se lle dera por pitar algún dos tres penaltis que os do Baíñas cometeron na súa área. Un arbitraxe nefasto para os intereses dos nosos que pudo condicionar, e de que maneira, o resultado final.

Remataba así a primeira parte cunha mínima ventaxa no marcador que facía soñar aos siareiros camariñáns co bo xogo desplegado polos da casa. Pero todo foi unha ilusión, xa que no inicio da segunda metade e aínda que os camariñáns seguían co bo xogo, pronto se viñeron desfondando físicamente e o Baiñas comezou a tomar a iniciativa do partido creando ocasións de gol continuamente ata que conseguiron lograr o empate. O FC Camariñas víase nese instante asoballado polos soneiráns que eran quen de darlle a volta ao partido con outro gol a escasos minutos do final. Os nosos chavales, moi mermados físicamente despois do gran esforzo feito na primeira metade intentaron buscar o empate pero o Baiñas aínda tivo ocasións para aumentar a diferencia. 

Concluía deste xeito un partido que se levou o Baíñas e que volve a ser un serio aspirante ao título de liga. Os nosos quedan moi tocados e cunha moral polo chan despois desta dura derrota. Agora os de Tono xa non dependen de sí mesmos para conseguir a salvación e terán por diante un traballo titánico para lograr esa tan ansiada permanencia. Nos desde aquí, como tripulantes dun barco á deriva no medio do temporal, xa nos encomendamos a nosa querida Virxiña do Carmen para que interceda en beneficio dos nosos.

O árbitro amonesta ao dianteiro do FC Camariñas por simular penalti

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar