Como en tódolos aspectos da vida, en política tamén, hai quen é noticia permanentemente por nimiedades ou por accións puerís que carecen do mínimo interese social e económico para as nosas vidas. Ou polo recurso permanente a descualificación persoal e profesional do “inimigo”, sen aportar contribución algunha á mellora da sociedade onde vivimos.

Dende fai anos, pasiño a pasiño, o concello de Camariñas ven desenvolvendo unha labor xorda e discreta para poñer en valor o seu patrimonio natural como recurso económico e cultural. Polo camiño queda esa extraordinaria iniciativa englobada baixo a marca CAMARIÑAS O MAR TODO, que amosou as extraordinarias belezas que o corazón da Costa da Morte agocha. E cando se tomou a decisión de ir a pola Bandeira Azul para a praia de Arou fíxose englobando o proxecto nun conxunto de medidas que abranguen o contorno litoral de todo o municipio, dende Sabadelle ate Cereixo, nun todo continuo que amosa unha paisaxe inigualable dende unha das mellores sendas de sendeirismo de Europa. Sendeiro que forma parte principal do Camiño dos Faros e que é santo e sinal de milleiros de camiñantes que a diario transitan por el.

En todo este deseño xoga un papel fundamental o Museo de Man de Camelle, gardián e custodio da obra do Alemán. Na súa contorna tense levado a cabo unha inxente labor de rehabilitación, catalogación, conservación e promoción de Man, da súa obra e do pobo de Camelle. E todo elo enxertado nunha concepción medio ambiental que, como agora se ve, dou froitos.

A asociación que concede as bandeiras azuis ven de conceder este ano tres distincións ao concello de Camariñas: a praia de Arou mantéñenselle a xa concedida no ano pasado, e engádense o Sendeiro Azul Costa da Morte que percorre todo o litoral camariñán. E, por si faltaba unha guinda para a torta, o Museo Man de Camelle entra na distinción de Centro Azul.

CAMARIÑAS EN VERDE. O ALCALDE RECOLLE TRES BANDEIRAS AZUIS NA ENTREGA DESTAS DISTINCIÓNS POLO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

Hoxe, da man do Presidente da Xunta de Galicia, o alcalde, acompañado polos concelleiros Juan Carlos Canosa e José Manuel Campaña, mais a nosa amiga Maira Mouzo Canosa, embaixadora número un de Arou, recolleu as bandeiras que ondearán orgullosas no noso litoral.

Noraboa a Camariñas e aos camariñáns. E gracias a quen o fixo posible con traballo, discreción e bo facer. Nós xa sabíamos que vivíamos no paraíso pero é bo que no lo recoñezan.

bandeira azul camarinas 2018 2

 

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar