É posible que si alguén nos pregunta por algunha infraestrutura pública que nos chame a atención enseguida nos veñan á cabeza grandes obras como portos, estradas, monumentos, etc. Pero case nunca mencionamos pequenas actuacións que facilitan a vida a persoas que sofren algún tipo de discapacidade as que, o mundo non adaptado, complica sobre maneira a súa vida.

Facendo un percorrido polo concello atopamos que no que vai de ano téñense acometido algunhas destas pequenas obras que, por catro chicas, axudan a conveciños nosos con discapacidade a ter unha vida mais plena. Como o primeiro columpio adaptado para que nenos con dificultades poidan desfrutar, con total seguridade, coma calquera outro neno. Este columpio está instalado no parque infantil de Camelle e quizá non chame moito a atención pero significa moitísimo para nenos discapacitados e para os seus pais.

Igualmente atopámonos con outras obras modestas, case inadvertidas na xungla de asfalto municipal, con pequenas ramplas que permiten o acceso de cadeiras de rodas, cochiños de bebés, persoas con mobilidade reducida, etc. Así atopamos unha rampla no colexio de Camariñas feita durante as vacacións de verán, varias rampliñas de acceso ás beirarrúas en tódalas parroquias, rampla de acceso ao paseo marítimo da Area da Vila, etc.

E case todas estas actuacións foron levadas a cabo con moi pouco diñeiro e pola brigada municipal de obras. Máis barato e con máis repercusión social imposible. E a pesar de que estas modestas infraestruturas melloran as condicións de vida de moita xente, case nunca veredes a ninguén inaugurando ningunha delas nin sacando peito nas fotos. Pois para iso está aquí Camarinas.eu dándolle o protagonismo que merecen porque é de xusticia, e porque así no lo pediron persoas que hoxe teñen mais doado participar da vida social do seu pobo.

Rampa da Escola de Camariñas


Rampa de accesibilidade na Escola Infantil de Camariñas

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.