O 17 de maio o Concello de Camariñas organiza unha gala para a entrega de premios do certame literario Letras Galegas. Será ás 12 do mediodía na Casa de Pedra e alí desvelarase en rigoroso directo os gañadores do certame. Nenos e nenas dos centros educativos do municipio levan desde marzo traballando en obras en prosa ou en verso e de temática libre. Agora é o momento de coñecer as mellores obras e premialas.

Migalhas Teatro conducirá o acto e presentaranos o seu traballo “Canta connosco” no que se combinan cancións de temática variada con acción dramáticas.

Ás cinco da tarde e na biblioteca municipal teremos o espectáculo infantil “Cabaret infantil prodixio” de “A boa compañía”. As Irmáns Prodixio viaxan polo mundo desde que eran pequenas cunha maleta chea de curiosos obxectos que agochan as máis peculiares e divertidas historias.

Son moitas as nenas e nenos que tiveron a sorte de coñecelas por todas partes, pero...só hai un detalle...nunca ninguén as viu xuntas nunha mesma habitación... Que curiosos poderes agochan as Irmáns Prodixio?

O espectáculo vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos e terá unha duración de 45 minutos.

SE DESEXAS ENVIARNOS A TÚA NOTICIA PARA PUBLICALA NA WEB DE CAMARINAS.EU NON TES MÁIS QUE MANDALA EMPREGANDO ESTE ENLACE DE CONTACTO

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.