Dicía Mercedes Martín, no acto de homenaxe a Man de Camelle, que o Alemán fora un adiantado ao seu tempo. Quizá fose así. O que si foi é un incomprendido. Como moitos artistas que hoxe admiramos, Man non foi entendido por moita xente coa que compartiu tempo e espacio nos coídos de Camelle. Non era fácil. Nin para el nin para unha sociedade que non entendía nin a súa obra nin o seu modo de vida.

Si ben é certo que Man tivo amigos e algún recoñecemento en vida, mais polo seu xeito de vivir que pola súa obra, tamén tivo desencontros con moitas persoas, sobre todo ao inicio da súa metamorfose de pequeno burgués a anacoreta que decidiu levar ao límite o seu concepto de arte fusionándose directamente coa mesma e coa natureza.

Hoxe o mito supera ao home. Quizá porque morreu como morreu e quizá, tamén, porque houbo un grupiño de persoas que, contra vento e marea, rescataron o legado artístico agochado para convertelo nun exemplo de como, con moi poucos recursos e un sen fin de trabas administrativas, pódese levantar un faro de luz artística nun lugar alonxado dos grandes centros artísticos e culturais de Galicia e do mundo.

En todo este renacer de Man e da súa obra hai persoas e institucións. Persoas como todo o grupo da Escola de Restauración de Pontevedra, como Antón Sobral, como Juan Carlos Canosa con quen Camelle ten unha débeda enorme. E hai institucións como a Deputación Provincial ou o Concello que deron confianza e estabilidade aos proxectos propostos polos técnicos, a pesares de tantos e tantos gurús do desastre e da ocurrencia metafísica.

A homenaxe que se lle fixo a Man, preludio do seu enterramento definitivo na súa caseta, foi emotiva e chea de simbolismo. Magnífico Xosé Ameixeiras, o presentador e director da delegación da Voz de Galicia en Carballo que, este si, foi amigo persoal de Man cando non todos recoñecíamos o valor daquel ser peculiar que andaba en coiros polos penedos de Traba. Emocionantes os discursos dalgúns dos intervintes, como o de Chita que, coma os bardos antiguos, despediuse do amigo cunha cantiga sentida e profunda como poden ser as emocións que nacen na alma. E maxistral o Coro de Mulleres “e dous homes” do Concello.

Os restos de Man, acompañados pola súa familia, o Alcalde e amigos percorreron, por última vez, os camiños que Man tantas veces fixo a pe e descalzo camiño do lugar onde se produxo a simbiose entre o ser humán e a natureza, entre o arte e a existencia mesma. Descansa en paz amigo e que ningún mostro negro perturbe nunca mais o teu sono eterno.

Engadir un comentario

Código de seguridade
Recarregar