Desgracia total na mañán deste frío mércores 29 de novembro. Ao momento que ía espertando a vila de Camelle comezaba a correr a terrible noticia da tráxica morte do querido xoven camellán José Secundino Suárez Suárez aos seus 37 anos de idade. Ao parecer, e á espera aínda dos resultados da autopsia, o corpo sen vida do noso amigo fora encontrado na súa casa de Camelle polos seus familiares que nada podían facer xa polo seu ser querido. Conmocionados aínda por tan inesperada e repentina morte dun dos nosos mellores amigos en terras camellanas, dende esta redacción aínda non asimilamos a magnitude desta perda e non damos creto ao acontecido. Secundino, sempre cun sorriso no rostro, persoa educada e tranquila, sempre afable e desposto a axudar, estaba casado e era pai dunha nena e un neno de corta edade e esperaba outro bebé da súa esposa: A traxedia máis absoluta para unha familia, para un pobo e para todos os seus seres queridos. Tocará agora por parte de todos velar polo benestar da súa xoven familia que queda, despois desta terrible desgracia, sen o seu querido pai e sumida nunha tristeza irreparable. Dende aquí queremos unirnos na dor insufrible que está a padecer toda a familia do noso querido amigo José Secundino e expresarlle as nosas máis sinceiras condolencias aínda que sabemos que pouco ou nada van a consolar este penoso calvario que están a sufrir. DEP amigo.

NOTA: Na hora da publicación desta triste noticia que aflixe os corazóns de toda esta redacción, aínda non se sabe o lugar onde será velado o corpo sen vida do noso querido amigo José Secundino. En canto teñamos noticia delo iremos informando a todos os veciños que desexen acompañar a familia nestes durísimos momentos.

ACTUALIZACIÓN COS DATOS DE ÚLTIMA HORA: O corpo sen vida do noso amigo José Secundino está sendo velado na sala 1 do Tanatorio de San Pedro da Ponte do Porto. Os seus restos mortais serán trasladados ata a Igrexa Parroquial do Espíritu Santo de Camelle na tarde deste xoves 30 de novembro. Ás 16:00 horas será celebrado o seu funeral de corpo presente no sagrado santuario de Camelle para, acto seguido, procederse ao sepelio do noso querido amigo. tal e como indica na esquela, haberá servizo de autobuses para asistir ao enterro de José Secundino. Alí estaremos para darlle o derradeiro adeus e acompañar a súa familia neste duro trance. Descanse en Paz.

Esquela de Jose Secundino Suarez Suarez DEP

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.