Este sábado, no pavillón municipal do Areal, 173 persoas reuníronse en torno a varias mesas para cear, bailar, pasar unha boa noite rodeadas de amigos e, sobre todo e por riba de todo, para contribuír coa súa xenerosidade sen límites, a recadar fondos para que o Carme de Camariñas siga sendo a festa SEN RIVAL de tódalas que se celebran en España. Alí estiveron moitas familias, 16 dos asistentes eran nenos que o pasaron de medo nos inchables que instalou desinterasadamente ARTE LÚDICO, dos nosos amigos Martín e Maica, representacións de comisións de festas dos pobos veciños e das festas de San Xurxo, moitos xoves e maiores que bailaron ate as tantas cos sons da Disco Móvil Impacto que xenerosamente o noso amigo Ernesto aportou para contribuír ao divertimento xeral.

Da xenerosidade dos asistentes da boa conta un dato: en menos de 30 minutos vendéronse mil rifas para a tómbola onde se sorteaban unha morea de agasallos doados polos comercios e empresas de Camariñas. O menú, a cargo do restaurante O Ariño, estivo composto de entremeses de tortilla e empanada, ameixas á mariñeira, xamón asado (milanesa de polo para os nenos), xeado, e café. Para a sobremesa, a Comisión fixo unha gran queimada que tivo un éxito enorme e gozou de innumerables fotografías que xa circularon polas redes sociais esa mesma noite.

Aproveitouse a cea para facer a presentación do cartel definitivo coa programación definitiva das orquestas e demais actividades durante os cinco días de festa da maior e mais fermosa celebración da festividade do Carme que se celebra en España. Por iso, este ano, o lema da mesma, segundo nos comunica a Comisión, será AS FESTAS DO CARME DE CAMARIÑAS NON TEÑEN RIVAL.

A Comisión, a través deste medio, trasládanos o agradecemento a todo o pobo de Camariñas pola súa xenerosidade e os ánimos trasladados xa que todos somos conscientes das circunstancias extraordinarias en que afrontan a celebración deste ano e o pouco tempo que teñen por diante para conseguir o reto de facer unhas festas dignas de Camariñas e das súas xentes.

Trasládannos tamén, que o próximo dia 17 celebrarán unha andaina que terá a saída na praza de San Xurxo e chegada ao merendeiro do Ariño onde ofrecerán un suculentos churrasco a tódolos participantes polo módico precio de 10 euros.

Noraboa á Comisión de Festas polo traballo que están a facer. Noutro momento faremos unha reportaxe sobre o sufrido traballo, poucas veces recoñecido, que fan as persoas que organizan as nosas festas ao longo de todo ano. Camarinas.eu quere publicamente amosar o seu recoñecemento.

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar