Dende fai dous días os sufridos cidadáns de Camariñas que tiveron a desgracia de enfermar ou de ter que facer todo tipo de xestións relacionadas coa saúde propia ou dun familiar, atopáronse coa desagradable sorpresa de que unha das doutoras que pasan consulta no centro de saúde non estaba presente polo que os seus pacientes teñen que ser atendidos pola outra doutora. Pacientes que se suman ao seu cupo habitual e que, como é fácil de entender, saturan a súa consulta, provoca retrasos na atención médica, demoras nas citas dos seus pacientes e dos alleos, etc. E parece que a situación non vai a ter arranxo, a lo menos, ate finais da próxima semana.

A imprevisión do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) fixo que non se cubrise a baixa desta doutora en plena epidemia de gripe, en inverno, e sen dar mais alternativa que a de que sexa a outra sufrida profesional da medicina do Centro de Saúde, e o resto dos sanitarios e persoal administrativo, os que sufran as iras dos pacientes e familiares e teñan que asumir responsabilidades que non lles corresponden.

A GALICIA IDÍLICA DE FEIJOO NON CUBRE AS BAIXAS DE MÉDICOS NO CENTRO DE SAÚDE DE CAMARIÑAS QUE ATENDE TAMÉN A VECIÑOS DA PARROQUIA DE XAVIÑA

Segundo puido coñecer camarinas.eu, o alcalde púxose en contacto coa Xunta de Galicia para queixarse desta situación e remitiron, dende o concello, un escrito para manifestar esta situación. De momento non nos consta que as autoridades responsables da sanidade en Galicia, e en Camariñas, solucionaran o problema.

Estes días escoitábamos ao Presidente Feijoo, moi fachendoso, poñer a Galicia e ao seu goberno como exemplo a seguir por parte do resto de España. Sinceramente Señor Presidente, si vostede se dera unha voltiña polo Centro de Saúde de Camariñas, ou vivira aquí e tivera que usar o transporte público, ao mellor mantería a boca pechada porque os veciños deste concello non creemos que esta sexa a mellor imaxe que se pode dar de Galicia. Menos samba e mais traballar, Señor Presidente. E, se non lle é molestia, comece vostede por cubrir as baixas de profesionais da saúde cando se produzan porque así, ao mellor, podemos comezar a presumir de algo.

Engadir un comentario

Código de seguridade
Recarregar