O concello de Camariñas foi pioneiro na instalación no seu territorio de proxectos innovadores e pioneiros en materia de enerxías limpas. O parque eólico de Cabo Vilán foi o segundo parque desta natureza instalado en España e, a parte de producir enerxía eléctrica limpa, serviu para investigar e experimentar melloras espectaculares no campo da produción de enerxía procedente do vento. Hoxe Camariñas da un paso mais alá e dota a dúas instalacións deportivas emblemáticas do concello de paneis solares que suporán un grande aforro na factura eléctrica e contribuirán a frear o cambio climático que hoxe xa ninguén cuestiona.

 

POLIDEPORTIVO AREAL


No polideportivo Areal, a través da empresa TwSolar Galicia, acaban de instalarse 8 placas solares e dos acumuladores de 500 litros co que quentará a auga que se utilizan nas duchas e baños. Esta instalación suporá un aforro do 47.30% do consumo eléctrico polo que os cálculos do concelleiro responsable de obras, Juan Carlos Canosa, sinalan que o custe, de 18.795,17 euros, estará amortizado no prazo dun ano. Isto significa que, a partires de 2019, quentar a auga do Areal será gratis total para as arcas públicas.

ESTADIO HERMANAS PATIÑO


No campo de fútbol, a través da mesma empresa TwSolar Galicia, véñense de instalar 4 placas e un acumulador de 500 litros para quentar a auga que se utiliza en tódalas dependecias do Estadio Hermanas Patiño. Esta obra suporá un aforro estimado do 54.05% no consumo de gasoil que, como todos sabemos, é altamente contaminante. Tamén neste caso estímase que os custes da obra, de 6.871,52 euros, estarán amortizados nun ano. Aquí tamén teremos auga quente gratis a partir de 2019.  Todas estas obras están financiadas con fondos FEADER, de desenvolvemento rural da Unión Europea.

Sen dúbida é esta unha moi boa noticia e o camiño polo que deben transitar as institucións públicas e tamén os particulares. A saúde do planeta está en xogo e iniciativas coma esta, moi modestas na súa cuantía económica, teñen un efecto demostración moi importante no conxunto da sociedade. Noraboa a quen tivo a iniciativa.

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar