Hai un consenso xeneralizado de que o mellor “parte” do tempo é o da Televisión de Galicia. E iso é así porque ten unha rede de estacións meteorolóxicas que abrangue todo o longo e ancho do territorio. En Camariñas tamén. No Muelle Novo, en pleno porto de Camariñas, hai unha. Esta estación recolle tódolos datos que permiten, por exemplo, que no telexornal da TVG apareza case sempre Camariñas como referente meteorolóxico para toda Galicia. Estas estacións de Meteogalicia, informan da cantidade de choiva, da velocidade e dirección do vento, da humidade, e toda a información que logo vemos reflectida nos noticiarios e que tan útil é para a nosa vida cotián e, sobre todo, para os profesionais do mar. Unha curiosidade desta estación é que ten unha cámara que, en tempo real, recolle imaxes que todos podemos ver e consultar a través da páxina www.meteogalicia.es , ou a través da app de meteogalicia para móbiles.

Pero non é solo Meteogalicia quen ten apostado por Camariñas como lugar estratéxico onde testar o estado do clima. No Vilán, a Axencia Española de Meteorología (AEMET) ten tamén unha estación que cumpre unha función semellante á de Meteogalicia. A información recollida forma parte dos datos que tódalas televisións de España nos ofrecen a diario. Así que, queridos lectores, xa o sabedes. Cando vexades O Tempo/El Tiempo, en calquera das televisións de España, estades recibindo datos e previsións en base a información que recollen as estacións meteorolóxicas instaladas no mascarón de proa da previsión meteorolóxica de toda España: Camariñas.

Imaxe da estación meteorolóxica camariñana na punta do muelle novo
Imaxe da estación meteorolóxica camariñana na punta do muelle novo

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.