A ría de Camariñas sempre foi considerada un prodixio de produtividade. Sendo unha das máis pequenas das rías galegas ás súas condicións naturais permitiron vivir dela a centos de familias que, sobre todo no inverno, atoparon neste espacio privilexiado unha fonte de ingresos a resgardo dos temporais da invernía da Costa da Morte.

Pero dun tempo a esta parte solo se escoitan laios por parte dos mariscadores e mariscadoras. Estas últimas solo teñen esta actividade na maioría dos casos e polo tanto, cando se constipa o marisqueo para todos, para elas é unha cuestión de pura supervivencia. Hai que ter en conta que as mariscadoras de Camariñas apostaron moi forte pola dinamización dun sector que estaba absolutamente abandonado e exclusivamente como actividade residual e, logo duns anos onde parecera que ían ver os froitos do seu esforzo, atópanse con que nos últimos anos o marisqueo apenas cubre para pagar as cuotas da Seguridade Social. Os datos son moi preocupantes se temos que atender as estadísticas da Consellería do Mar:

  • Ameixa babosa: O ano que mais ameixa babosa se comercializou na lonxa de Camariñas foi 2010 cun total de 3.567 quilos a un precio medio de 11.58 euros por quilogramo. Séguelle 2008 cun total de 2.492,60 quilos e un precio medio 10.60€. Curiosamente non hai datos do ano 2016 sendo o último rexistro o de 2015 cun total de 1.915,80 quilos e un precio medio de 10.32 € por quilo. Polo medio hai anos onde nin sequera se ten chegado aos catrocentos quilos (2006-2007) e solo en catro anos desta serie histórica, se teñen sobrepasado os dous mil quilos desta especie.
  • Ameixa fina: Os datos nesta especie son tan preocupantes, se non maiores, que coa ameixa babosa. En 2011 vendeuse na lonxa de Camariñas a maior cantidade desta especie procedente da nosa ría, 17.344,70 quilos a un precio medio 17.54 euros. Solo 2009 se achegou a esas cifras , 16.916,55 quilos a un precio medio de 15.30 euros. En 2016 pasaron pola lonxa menos de tres mil quilos e en 2014 algo mais de catro mil.
  • Ameixa xapónica: Esta é, por volume, unha das especies fundamentais da ría. O ano que mais produción houbo foi 2008 onde se chegaron a comercializar 119.010 quilos a un precio medio de case sete euros. Foi un ano excepcional xa que ningún outro superou os cen mil quilos e solo se lle aproxima 2007 cunha produción de 86.394,80 quilos cun precio medio de algo mais de oito euros. Pero dende 2013 non se superan os vinte mil quilos por campaña sendo especialmente dramáticos os tres últimos con cantidades irrelevantes: 2658, 4.464 e 5.128 respectivamente.
  • Berberecho: Na mesma liña que as anteriores especies xa que eran moi frecuentes campañas onde se comercializaban por riba dos cen mil quilos (2008,2009,2010,2011,2012) e nas últimas campañas nin se aproximaron a esas cantidades sendo especialmente dramáticas ás de 2013, 2014 e 2015 onde nin se achegaron aos vinte mil quilos.

Moitos mariscadores e mariscadoras achacan esta baixa produtividade a causas naturais, como as enchentes en algúns anos moi chuviosos, á contaminación, e a mala xestión que se fai dos bancos marisqueiros. “Sempre houbo anos bos e anos malos por culpa da climatoloxía, pero unha situación como a que estamos a vivir non se recorda”, dinos unha veterana mariscadora que prefire gardar o anonimato. Outro mariscador critica a mala xestión dos recursos e dos bancos e é especialmente crítico coa xestión do minicriadoiro e das instalacións flotantes, hoxe en ruínas: “estráganse os cartos cando poderían contribuír a facer desta actividade rentable”, e engade, “tiramos coa tecnoloxía e seguimos traballando coma fai mil anos”.

Sexa como sexa, e logo da consulta dos datos fríos, parece que na nosa ría hai un problema e que compre facerlle fronte porque dela depende a saúde económica e laboral de todo un pobo.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.