Comeza Camarinas.eu a súa nova andadura informativa despois de varios meses no dique seco, e o fai cunha triste noticia que enche de amargura os corazóns desta redacción. A noticia que nunca quixemos publicar, a morte do noso querido amigo Manuel Ageitos Souto, máis coñecido en toda esta costa por Totis, aos seus 78 anos de idade. Toda unha lenda viva en Camariñas, querido e respetado por todos e cada un dos veciños da vila das palilleiras, fiel devoto da nosa Virxen do Carmen, danzante sen igual da única e auténtica Danza de Arcos de toda esta franxa atlántica, persoa afable e dicharacheira, sempre aberta ao diálogo con todo aquel que se lle acercara a conversar. Amante do cante, do baile e da festa, pero sobre todo amigo dos seus conveciños. Foise un referente camariñán para tantas xeracións por mor dunha enfermidade que minou a súa ata o de agora inquebrantable saúde en tan só un puñado de tristes, mortais, meses. Dende esta redacción tan só recordalo para sempre coa súa eterna sonrisa e cun corrido mexicano soando de fondo. Descansa en Paz querido amigo.

 

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.