Marcial Mouzo será o encargado de realizar o pregón oficial do Carmen 2017
Comeza este sábado 15 de xullo a Semana Grande de Camariñas con unha véspera do Carmen 2017 repleta de actos que darán o pistoletazo de saída a gran festa da Vila das Palilleiras. Será co lanzamento de 21 bombas de palenque ás 12 da mañá dende o paseo marítimo de Camariñas cando toda a vila comece o sentir da súa fe mariñeira. Se o ano pasado o encargado de oficiar o pregón era o noso querido colaborador Antonio Puertas "Beldoña" da man do gran mestre Xosé Luís Blanco Campaña, este ano terá a honra de ser o pregoeiro oficial do Carmen 2017 o exitoso xornalista Marcial Mouzo. Será todo un luxo de pregón, pois Marcial negouse a multitude de ofertas para ser pregoeiro por toda Galicia por mor de ter un pouco máis de tempo para a súa familia. Aínda así o seu corazón camariñán non pudo dicir que non a tal ofrecemento no día máis importante da súa vila.

Pero antes, os grandes protagonistas das derradeiras edicións das vésperas da festa do Carmen, os rapaces do campamento de verán do Concello de Camariñas, tomarán as rúas e encherán a vila de cor e ledicia representando a súa xa célebre miniprocesión do Carmen. A Danza de Arcos dos máis pequenos comezará a saltar polas rúas da vila as 12:30 dende a Casa de Pedra de Camariñas ata a lonxa vella para alí recoller a súa virxiña e levala volta atrás ata a Casa Consistorial onde serán recibidos polo alcalde Pichurri e polo pregoeiro oficial Marcial Mouzo así como moitos veciños da vila que non se perderán esta entrañable representación dos máis pequechos. Acto seguido recitará unha poesía en honor ao Carmen o poeta camariñán Antonio Puertas "Beldoña" que fará tamén de presentador de MM. Retomarán despois os seus bailes os cativos do campamento de verán do concello que levarán a súa virxiña en volandas ata a Capela do Carmen, parando antes na estatua que a nosa patroa ten no Paseo Marítimo para renderlle unha sentida homenaxe ao gran cura párroco recentemente falecido Don Jesús Nieto Baneira. Alí, na estatua que él mesmo bendixo o 22 de decembro de 2012 será depositada unha ofrenda floral en lembranza dese home grande, querido por todo un pobo e que nos guiou espiritualmente durante 17 anos ata o seu repentino e triste falecemento. Rematarase o acto homenaxe a Don Jesús coa colocación ao carón da Virxen do Carmen unha fotografía do noso párroco en tamaño 30x40 doada polo fotógrafo de bodas Diego Alonso Freire.Co traslado final da Virxiña dos nenos de Camariñas cara a Capela rematarán os actos de inauguración da gran Festa do Carmen de Camariñas 2017. A noite comezará con unha espectacular verbena a cargo da orquestra Galilea e rematará a xogada a Disco Móvil Impacto. E aquí, en Camarinas.eu, vos comentaremos cada día todo o que transcurra nesta nova edición da nosa Semana Grande. Camariñáns: ¡¡¡Viva o Carmen!!!

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.